Só 18 das 31 zonas inicialmente previstas polo Ministerio de Industria cumpriron as condicións de cobertura necesarias. O resto deberano facer "canto antes".
Datas previstas inicialmente para o apagón en Galiza
As dúas demarcacións do país que tiñan previsto desconectar as emisións de televisión analóxica o 30 de xuño, Santiago e Ourense Leste, verán atrasado este trámite por non cumprir as condicións esixíbeis. Non serán exclusivamente estes proxectos de transición os que sufrirán un adiamento, pois outros 11 de todo o Estado Español quedaron fóra da primeira quenda.
O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio fixo pública a listaxe dos 18 proxectos técnicos que só dispoñerán de emisións de TDT a partir do 1 de xullo. Un deles, o de Cantabria Leste, adiantará o apagón tres días, até o 27 de xuño. A resolución da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información diríxese aos diferentes radiodifusores para que poidan formular alegacións. Despois deberán incluír rótulos informativos avisando do inminente apagado.
Segundo informaron fontes ministeriais, os 13 proxectos técnicos excluídos tiñan "complicado" levar a cabo a desconexión por non cumprir os dous requisitos necesarios que esixe o Plan de Transición: que a cobertura da TDT sexa semellante á da analóxica e que exista un grao suficiente de penetración entre a cidadanía.
Tamén quixeron deixar claro que se mantén invariábel a data do apagón final, o 3 de abril de 2010, e que os proxectos adiados irán apagando os seus emisores analóxicos en canto cumpran as condicións: "pode ser en xullo, en setembro... o que importa é que cumpran esas condicións. O desexábel é que se traballe para conseguilo canto antes".