A cámara comunitaria deulle luz verde a unha emenda para protexer os dereitos da cidadanía fronte ás pretensións do executivo europeo.
O Parlamento Europeo rexeitou o espírito do polémico 'paquete telecom', que pretendía unificar as normas e leis de cada estado membro da UE sobre a internet e as telecomunicacións. O texto, acordado pola presidencia checa, fora rexeitado por asociacións de internautas de todo o continente, que lles pediron aos europarlamentarios o seu "non" ao texto, polo perigo de que se rompese coa neutralidade da rede e co segredo das telecomunicacións.
O Europarlamento aprobou, por 407 votos a favor, 57 en contra e 171 abstencións, unha emenda alternativa que exixe que exista unha orde xudicial para poder restrinxirlle ou cortarlle a unha persoa usuaria o acceso á internet.
O dereito á e-intimidade
A comisaria de Telecomunicacións, Viviane Reding salientou o masivo apoio a tres das reformas: a creación dun organismo europeo das telecomunicacións (BEREC), as directivas de e-intimidade e de Servizo Universal, e a aprobación de novas normas para asegurar a xestión efectiva do espectro radioeléctrico. Tamén se aprobou a reforma da Directiva GSM, que permitirá o aforro de 1.600 millóns de euros para a industria.
Reding cualificou de "importante reafirmación dos dereitos fundamentais da cidadanía da UE" a emenda aprobada polo Parlamento, e lembrou que o Consello de Ministros de Telecomunicacións terán a última palabra para decidir se acepta ou non o paquete de reformas. O Consello de Telecomunicacións do 12 de xuño servirá para discutir se é posíbel aceptar o paquete de medidas ou se haberá que comezar de novo coa renovación do Europarlamento, en outono.