Saída do maxín dun prestixioso enxeñeiro, esta ferramenta informática promete un revolucionario xeito de navegar internet na busca de información.
"Que tempo fai no Cebreiro?" ou "Chovía en Santiago o día que o primeiro astronauta chegou á Lúa?". Preguntas deste tipo sérvenlle de exemplo ao británico Stephen Wolphram para explicar o trebello no que leva tempo traballando e cuxa saída á luz se agarda para este mes: o Wolfram Alpha.
Trátase dun motor de busca "intelixente", presuntamente capaz de calcular a partir de revirados algoritmos matemáticos a resposta a cuestións introducidas polos internautas mediante "linguaxe natural". "Quería facer computábel o coñecemento acumulado pola nosa civilización, e non estaba seguro de se sería posíbel, pero estou sorprendido de que funcione tan ben", conta esta fin de semana o coñecido físico para o diario The Independent. Así e todo, explica Wolfram que se trata dun primeiro chanzo neste tipo de ferramentas, sobre as que tamén traballa Google, e chama á cautela sobre a efectividade a curto prazo do sistema.