Os clubs Illa de Arousa e Moaña Quixós gañaron respectivamente as probas de 'promoción' e a de 'promoción slálom'.
O Club de piragüismo Illa de Arousa e o Club Montaña de Quixós foron os grandes protagonistas do piragüismo galego na pasada fin de semana. Os monfortinos gañaron a terceira proba da VII Copa Galega de Promoción, que se disputou en Gondomar. Pola súa parte, o club arousán impúxose na segunda proba da XIV Copa Galega de Promoción, nunha competición que usou como escenario o embalse pontevedrés de Castrelo de Miño.
En Castrelo de Miño celebrouse a competición da XIV Copa Galega de promoción, na categoría infantil 3.000 metros, coa participación de 33 clubs e 266 deportistas. O Club de piragüismo Illa de Arousa impúxose ao Club Náutico Firrete e Club Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga. Os arousáns non gañaron en ningunha das nove probas disputadas pero impuxeron a súa regularidade sobre os seus perseguidores na clasificación final, malia que estes acadaron dúas vitorias cada un.
A terceira proba da Copa de Promoción Slálom tivo como escenario Gondomar. A competición foi organizada polo Club Piragüismo Val Miñor-Frioya e pola federación, contando coa participación de 12 clubs e máis de 150 piragüistas de entre 8 e 14 anos. Houbo poucas sorpresas na competición e o Montaña de Quixós impúxose igual que fixera nas dúas probas anteriores da Copa, co que afianza o seu liderado. A segunda posición foi para o club Miño-Os Teixudos de Goián e a terceira para o Penedo de Caldelas.