O certame literario "Contos no Mediterráneo" chega este ano a súa terceira edición, de novo da man do Lectorado de Galego da Universitat Autònoma de Barcelona, o Instituto Camões de Barcelona e mais o Espazo Galego dos Països Catalans. Está dirixido a estudantes de galego ou portugués nos territorios de fala catalá e conta cun suculento primeiro premio de mil euros, dun total de seis premios repartidos en dúas categorías, para maiores de dezaoito anos (categoría B) e para menores de idade (categoría A). Nesta última tamén se acepta banda deseñada, como se pode ver nos textos premiados o ano pasado.
As bases do concurso, que tamén ten a peculiaridade de dar prioridade á calidade e á creatividade literaria por riba da corrección lingüística ou normativa, están publicadas no sitio web Contos no Mediterráneo.
O prazo de presentación de orixinais remata o 4 de maio e o acto de entrega dos premios será o 29 de maio no Centro Galego de Barcelona, entidade que é un dos principais mecenas do certame. Os textos premiados tamén serán publicados en Vieiros Barcelona.
Publicación dos gañadores do Certame Literario Contos no Mediterráneo 2008 (para baixar os textos, vede o apartado "Ligazóns").
CATEGORÍA A (menores 18 anos)
- Mención especial do xuri: O camiño de Santiago. Autoras: Andrea Jorge San Vicente e Gemma Català Parra.
- Accésit: Os cambios da vida. Autora: Ariadna Martínez Ramírez.
- Primeiro Premio: Fastina e a contaminación. Autoras: Cristina Ramírez e Anna Candel.
- Segundo Premio: Verde alfábega. Autoras: Nuria Rus García e Sergi Sáez Rubio.
- Terceiro Premio: A historia de Ana. Autoras: Cristina Herrero Cuende e Helena López de Abajo.
CATEGORÍA B (maiores de 18 anos)
- Primeiro premio: O último amanhecer. Autor: Julián Uribe Duarte.
- Segundo premio: A estrela. Autora: Desirée Nieto Fernández.
- Terceiro Premio: Só uns pensamentos... Autora: María Palos López.