Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Con máis da metade dos votos emitidos

Os ecuatorianos reelixen a Rafael Correa como presidente na primeira volta

O actual mandatario de Ecuador conseguiu a reelección por unha ampla marxe. "É só unha batalla, a guerra continúa e imos seguir loitando", sinalou.

Redacción - 08:00 27/04/2009
Correa, despois de votar

Correa, despois de votar

O presidente de Ecuador, Rafael Correa, obtivo o domingo un gran triunfo nas eleccións, ao conseguir o 55,2% dos votos, 27 puntos máis que o seu inmediato seguidor, Lucio Gutiérrez (Sociedade Patriótica). Deste xeito, Correa proclamouse presidente da República do Ecuador sen necesidade de recorrer a unha segunda volta, algo que non acontecía no país americano dende hai 30 anos.

Os primeiros sondeos a pé de urna, que, ao parecer, tradicionalmente son moi fiábeis neste país, fixéronse públicos ás 17h00 (00h00 hora galega). No 2007 Correa obtivera unha porcentaxe semellante, mais xa na segunda volta dos comicios.

"Que finalmente a patria sexa de todos"
Correa celebrou a reelección en Guaiaquil, xunto aos seus ministros, asegurando que "a esta revolución nada a detén". O presidente ecuatoriano escolleu esta cidade porque é a economicamente máis poderosa do país, ademais de ser o bastión da oposición. Alí danzou, mentres escoitaba os resultados das enquisas a pé de urna, ao son da consigna "unha soa volta!", que coreaban os seus seguidores. Rafael Correa ratificou, horas despois, e ante os seus simpatizantes, a súa adhesión ao ideario de Simón Bolívar e Eloy Alfaro, presidente liberal ecuatoriano de comezos do século XX, e sinalou que el e o resto de candidatos oficialistas tiñan que facerlle fronte "ao inmenso poder da dereita". "Que finalmente a patria sexa de todos", desexou o mandatario, quen prometeu que a súa "opción preferencial" sempre van ser "os máis pobres", e pechou o seu primeiro discurso tras os comicios coa frase "Até a vitoria sempre, Ecuador da alma!".

A Revolución Cidadá de Correa
Rafael Correa, un economista de 46 anos, formado en Lovaina (Bélxica) e os EUA, goza de grande popularidade, o que lle permitiu acudir ás urnas en repetidas ocasións con parecidos resultados. En 2007 puxo en marcha unhas eleccións para a asemblea constituínte, que gañou por un 83%, e en 2008 conseguiu que se aprobase a nova Constitución, co 74% dos votos.

A Revolución Cidadá de Correa baseouse nun nivel moi alto de ingresos, que xa comezaron a minguar, como consecuencia da baixada do prezo do petróleo e a diminución das remesas dos emigrantes. Correa terá que elaborar a súa política tendo en conta a nova realidade, xa que podería atopar dificultades para conseguir os fondos necesarios para seguir adiante cos seus plans sociais.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: