Mentres en Galiza os promotores presionan a Xunta para a derrogación, a UE quere edificacións de "enerxía cero" e considera que a iniciativa estimulará o sector.
Beneficiará tanto os consumidores como a economía. Así o valoraba esta semana no Parlamento Europeo o eslovaco Ján Hudacky (Partido Popular Europeo), un dos eurodeputados que participou no debate do informe legal aprobado por esta Cámara. "Os estados membros deberán estimular os esforzos de aforro enerxético e á vez o uso de fontes de enerxía renovábeis", valorou Hudacky.
A decisión do Europarlamento, aprobada con ampla maioría de apoios e apenas medio cento de votos en contra, foi recibida de xeito favorábel tamén desde diversos sectores da construción, como a Alianza Europea de Empresas a prol da Eficiencia Enerxética na Edificación (EuroAce). Na avaliación das implicacións deste paso, coincide neste caso a patronal cos propios colectivos ambientais, de xeito que por exemplo, a asociación WWF admite que non só se está promovendo a eficiencia enerxética, senón que se está "impulsando o desenvolvemento tecnolóxico e creando novos traballos".
"Enerxía cero"
De xeito concreto, o Parlamento Europeo chama a conseguir que na altura do ano 2019 todos os novos edificios que se constrúan respondan xa ao criterio de "enerxía cero", é dicir, que sexan construcións nas que o resultado do consumo anual de enerxía é igual ou menor que a produción enerxética procedente de fontes renovábeis situadas na propia edificación. O documento saído da Comisión Europea e peneirado agora polos eurodeputados, chegará a continuación ás administracións dos estados membros. Por outro lado, o texto solicítalle aos executivos estatais que nun prazo de dous anos deseñen plans de acción que inclúan instrumentos financeiros que faciliten a mellora da eficiencia enerxética dos edificios xa existentes.
Incerteza en Galiza na aplicación das iniciativas recentes
No noso país, as Normas do Hábitat aprobadas polo goberno anterior introduciron no marco lexislativo novidosos criterios en favor da ecoeficiencia das vivendas, estabelecendo por exemplo melloras para o illamento térmico dos inmobles ou o uso eficiente da enerxía e da auga. Esta normativa, impulsada pola Consellaría de Vivenda, foi felicitada no seu momento polas organizacións ecoloxistas e tamén por colectivos de defensa dos consumidores.
Pola contra, a norma foi obxecto de belixerantes críticas desde o sector da construción en Galiza e, de xeito concreto, o PP levou ao Parlamento e ao primeiro plano dos enfrontamentos políticos, a oposición aos novos criterios. Así por exemplo, a agora presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, voceira dos populares en materia de vivenda durante a anterior lexislatura, cualificou de "novo chiringuito" a creación do chamado Comité Asesor de Habitabilidade, e advertiu de que as directrices implicarían un encarecemento de até o 30% no prezo das vivendas novas no mercado. Ademais, nunha polémica decisión, os votos de PP e PSOE uníronse na Federación Galega de Municipios e Provincias para levar adiante a decisión de acudir aos tribunais en contra das normas de habitabilidade, baixo o argumento da perda de edificabilidade nos inmóbeis.