Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EN DECEMBRO DE 2010

Santiago acollerá xuntanzas da Alianza das Civilizacións e do Foro Mundial da Educación

Os encontros, aos que sumarán outros congresos e actividades culturais, celebraranse na cidade da Cultura.

M.S.P. - 14:25 24/04/2009

Do 9 ao 12 de decembro de 2010 desenvolveranse en Compostela o Foro 2010, un conxunto de reunións de alto nivel, foros, congresos e actividades cultuais ligadas á educación e á cultura da paz, que traerán á capital do país a máis de mil persoas procedentes de todo o planeta, entre eles o actual director da UNESCO, Koichiro Matsuura. Os eventos máis detacados serán a reunión do Foro Mundial de Educación (FME) adscrito ao Foro Social Mundial (FSM), que celebrará en Compostela o seu primeira encontro en Europa. Así mesmo, terá lugar unha xuntanza de membros do Grupo de Alto Nivel creado por Nacións Unidas para a Alianza de Civilizacións e outra outra cos coordinadores do Decenio da Cultura da Paz (2001-2010), outra iniciativa da ONU, que pretende avaliar os seus resultados e promover novas iniciativas de futuro.

Paralelamente, en diferentes espazos da cidade, terán lugar exposicións de pintura, fotoxornalismo, cinema, literatura, banda deseñada, etc. sobre o tema da guerra e a paz e diversas actuacións musicais. Os responsábeis da organización afirman que é moi probábel que o evento se complete coa celebración doutros encontros, como o da Rede Internacional de Museos pola Paz, o Encontro Mundial Información e Dereitos Humanos e o do 'Dereito Humano á Paz' da UNESCO.

O Comité Organizador do Foro 2010 celebrou este venres no Consello da Cultura Galega a súa terceira reunión preparatoria, á que asistiron, entre outros, Federico Mayor Zaragoza, o novo conselleiro de Educación Jesús Vázquez Abad, e Manuel Dios, do Seminario Galego de Educación para a Paz. O núcleo do foro celebrarase na Cidade da Cultura, un compromiso ao que chegara co anterior goberno galego, que a nova Xunta mantén. Os organizadores do Foro 2010 xa mantiveron contactos con Jesús Vázquez Abad e Alfonso Rueda, que lles garantiron o apoio institucional e coinciden na oportunidade que supón para a proxección internacional de Galiza, do Xacobeo e da propia Cidade da Cultura.

Federico Mayor Zaragoza manifestou que espera que o Foro 2010 sirva para fomentar a cultura de paz e a eclosión da 'cidadanía global': "temos que favorecer a cidadanía global, as persoas teñen que ser máis que súbditos, máis que espectadores, ten que escoitarse a súa voz". O ex director da UNESCO cre que a actual crise financeira pode ser unha oportunidade para cambiar o mundo e afirma que "a crise non é só económica, é unha crise da democracia e de principios". Denunciou a acción de determinadas institución, como o FMI "un dos responsábeis da crise" e chamou a atención sobre o feito de que as axudas públicas a empresas e bancos puxeron ao descuberto que "non era certo que non houbese cartos para loitar contra a SIDA ou contra o desemprego".

Manuel Dios salientou que o Foro debe servir así mesmo para aprobar a Lei de Fomento da Cultura da Paz, que xa foi remitida ao Parlamento Galego, e para crear un Instituto Internacional para a Paz, que ao seu xuízo debería estar ubicado na Cidade da Cultura.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: