As asociacións ANDA e Animals' Angels denuncian que o mercado de Rates, en Portugal, incumpre as regras básicas de saúde e mantemento do gando.
Algúns matadoiros galegos e castelán leoneses mercan no que "seguramente sexa o peor mercado cárnico de Europa", sinalan as organizacións de defensa dos dereitos dos animais, ANDA (Asociación Nacional de Defensa dos Animais) e a alemá Animals Angels. Ámbalas dúas entidades apuntan ao mercado de Rates, en Póvoa de Varzim (Portugal).
Segundo contan, os usuarios deste mercado "non cumpren a lexislación europea de benestar animal", e, ao tempo, "poñen á venda animais gravemente feridos ou enfermos", denuncian.
O "mercado dos horrores"
Segundo ANDA e Animals' Angel, este mercado supón unha "competencia desleal" para outros mercados galegos e estatais, que si cumpren as normas vixentes, alén de ser un "engano aos consumidores", xa que a carne termina etiquetándose no lugar onde foron sacrificados os animais -Galiza ou Castela e León-, e non no seu lugar de procedencia. Deste xeito, dende estas organizacións denuncian que, con este sistema, é posíbel adquirir carne sacrificada en Galiza, mais mercada en Rates, "onde as inspeccións relativas á saúde e ao benestar do gando" son case inexistentes.
Nesta liña, o voceiro de ANDA, Alberto Díez, exixiulle, en nome da organización, aos matadoiros galegos e leoneses que non volvan mercar en Rates, "o mercado dos horrores", porque supón un "grande prexuízo económico para os gandeiros do Estado", para "os consumidores, que son enganados", e sobre todo para os animais, que malviven en condicións que incumpren todas as normativas de trato do gando.
Vacas feridas e sen ollos
Dende ANDA tamén contaron que cando un equipo da súa organización, acompañado de voluntarios de Animals Angels, se achegou ao mercado para comprobar a situación na que se atopaban os animais, foron ameazados con "navallas e paus" polos comerciantes e demais usuarios. Alén disto, segundo sinalaron fontes da Garda Nacional Republicana (GNR), hai dúas semanas atoparon un camión que se dirixía ao mercado, transportando 36 vacas, a maior parte delas feridas, con contusións e mesmo había algunha que perdera os globos oculares. Neste caso, o camión foi conducido directamente ao matadoiro.
"Cremos que este non é o trato que os consumidores galegos, leoneses e portugueses desexan para os animais que consumen", conclúen dende ANDA.