Un informe do executivo europeo critica que as presións políticas están freando os recortes de cota necesarios para garantir o futuro dos caladoiros.
"O informe confirma algo que os grupos ecoloxista veñen dicindo desde hai anos: que hai demasiados barcos perseguindo moi poucos peixes". Velaí o resumo que realiza Richard Black, especialista en asuntos medioambientais da BBC, ao respecto deste informe da Comisión Europea, avanzado pola canle pública británica ao comezo desta semana.
O texto foi tratado este mércores polo Parlamento Europeo, onde a maioría de deputados votou en contra do recorte da flota proposto pola Eurocomisión, pero fíxoo a favor do reforzamento do control sobre o cumprimento das normas da Política Pesqueira Común. Os eurodeputados tamén rexeitaron a introdución de maior transparencia no reconto de capturas nas augas europeas e en contra de que o executivo comunitario decida unilateralmente sobre redución de cotas de especies.
No documento elaborado pola Comisión advírtese sobre o decrecemento das reservas pesqueiras no contorno da UE e analízase a responsabilidade que nesa situación teñen as propias administracións. Segundo avalía o texto, a presión política para o apoio financeiro á industria do sector evita a introdución dos recortes de cota que serían imprescindíbeis para garantir a sostibilidade e futuro dos caladoiros.