Unha letrada galega prestará asistencia legal nun proceso contra o Estado Mexicano pola súa responsabilidade nos feminicidios de Ciudad Juárez.
Mayte Cruz / Foto: Ernesto Shreck
Unha avogada ourensá, Mayte Cruz, participará na asistencia legal dun proceso xudicial que terá lugar do 27 ao 30 de abril en Santiago de Chile. O proceso, promovido pola Corte Iberoamericana de Dereitos Humanos, pretende que o Estado de México asuma responsabilidades nos feminicidios de Ciudad Juárez. Cruz participará como representante do Consello da Avogacía Galega. É, ademais, presidenta da Federación Galega de Xoves Avogados e vicepresidenta da Confederación Española de Avogados Novos. Falamos con ela antes da súa viaxe a Chile.
Vieiros: Cal vai ser o seu papel no xuízo?
Mayte Cruz: Imos prestar asistencia legal e apoio á defensa das vítimas dos feminicidios de Ciudad Juárez. Concretamente, o caso de Campo Algodonero. Oito mulleres foron brutalmente asasinadas e violadas. Apareceron alí os oito corpos. Non se sabe exactamente cando se produciron os crimes, aínda que o descubrimento tivo lugar en novembro de 2001. Só se puideron identificar tres dos cadáveres.
Cal é a implicación de México neste caso?
Actualmente, México, e o estado de Chihuahua en particular, é como o reino da impunidade. As mortes comezaron a documentarse en Ciudad Juárez no ano 1993. Este é o primeiro caso que se leva a trámite. Pedimos que se declare a responsabilidade internacional do Estado Mexicano. Que investigue, destitúa os funcionarios que permiten que sigan estas violacións legais, que se tramiten as denuncias dos familiares e se impidan as ameazas contra eles, que se dignifiquen as vítimas e se compensen as familias.
Como se iniciou este proceso e por que ten lugar en Chile?
Concretamente, este crime descubriuse en 2001. No ano 2002 o caso pasou á Comisión Interamericana de Dereitos Humanos, con sede en Washington. O proceso admitiuse a trámite en febreiro de 2005, por violación de dereitos humanos. No ano 2007 a Comisión remitiu o caso a Corte Interamericana de Dereitos Humanos, con sede en San Juan de Costa Rica, que decidiu que o xuízo se levase a cabo en Santiago de Chile, por ser o lugar máis afastado de México.
Segundo explicou este mércores en conferencia de prensa o Consello da Avogacía Galega, México presenta un dos índices de violación de mulleres máis alto do mundo, dende que se comezaron a documentar os primeiros asasinatos en 1993. Nos últimos 19 meses producíronse máis de 1.100 casos de mulleres novas e de procedencia humilde en todo o país, especialmente en Ciudad Juárez.