Por outra banda, Xavier Guerra asegura que é imposíbel que o TAV da Meseta chegue a Galiza en 2012.
O conselleiro de Economía e Industria, Xavier Guerra, rexeitou que abaratar o despedimento sexa "a resposta" á actual situación económica, e sinalou que a súa aposta é lograr que as empresas teñan financiamento e que sexan máis competitivas.
Nun almorzo informativo organizado por Onda Cero, Guerra afirmou que cre no "concepto de marca" e en dar valor engadido aos produtos que se fabrican. "As empresas que teñen unha calidade recoñecida teñen menos problemas e nós imos máis por esa liña", engadiu.
Así mesmo, avogou por reducir algúns dos custos que teñen que afrontar as empresas, pois se poden abaratar", e citou, en concreto "os burocráticos". Ao fío diso, defendeu que "a primeira gran medida" deste departamento é que o Igape pase a estar directamente ligado con Industria.
"Débeda permanente" do Estado con Galiza
Por outra banda, o conselleiro considerou que é "imposíbel" que a liña ferroviaria de alta velocidade (TAV) dende a meseta chegue a Galiza en 2012 tal e como comprometera o goberno español.
Neste senso, dixo sentirse "frustrado", "como galego e non como político", e afirmou que o Estado ten unha "débeda pendente" co noso país.