Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
DO 22 AO 25 DE ABRIL

Estaleiro Editora preséntase en Barcelona cos poemas de "Máquina de guerra"

A editorial galega dará a coñecer na cidade o seu proxecto de edición alternativa e independente da man de Raida Rodríguez, poeta galega residente en Catalunya.

Estaleiro Editora - 20:45 21/04/2009

Co seu desembarco en Barcelona, Estaleiro Editora pretende cumprir un dos seus obxectivos fundacionais: exportar o seu proxecto de edición independente, alternativa e vinculada á libre difusión cultural, nun conxunto amplo e diverso de espazos. O 22 de abril, o portavoz da editora Carlos G. Figueiras compartirá mesa con Raida Rodríguez Mosquera na Facultat de Lletres da Universitat Autònoma, nun acto organizado polo Lectorado de Galego da devandita universidade. Dous días despois, o 24 de abril, Estaleiro levará o seu proxecto ao Espai Social Magdalenes, onde a presentación de Máquina de guerra dará paso a un recital galego-catalán aberto ás persoas interesadas. Este segundo acto está organizado polo Espai Gallec dels Països Catalans. O último evento desta intensa axenda terá lugar ao día seguinte no Centro Galego de Barcelona, entidade histórica do asociacionismo galego na cidade que, con iniciativas coma esta, demostra a súa vontade de se abrir ás propostas máis innovadoras da nosa cultura.

Máquina de guerra é o primeiro libro publicado por Raida Rodríguez Mosquera, e dá continuidade a unha enérxica actividade literaria desenvolvida en revistas, en recitais e na rede, espazo en que a autora mantén o blogue Punto de fuga. No ano 2005 conseguiu o primeiro premio do XIX Certame Rosalía de Castro, cun breve conxunto de textos incluídos agora nesta publicación. Máquina de guerra pretende dar conta das ameazas que atinxen a condición humana na contemporaneidade e desenvolve, neste sentido, unha acción reflexiva e rebelde que aspira a cuestionar e repensar as grandes categorías do pensamento e da acción política, sexa o xénero, a nación, a lingua, o poder ou a memoria. Como o resto de obras de Estaleiro Editora, poderá ser descargada libremente na páxina da editorial.

A presenza de Estaleiro en Barcelona, na semana en que se celebra o multitudinario Día de Sant Jordi – Día do Libro, serve para materializar o interese que o colectivo editorial sempre tivo por facer chegar o seu discurso a un espazo cultural que considera privilexiado, quer pola súa representatividade como enclave de referencia para a cultura galega no exterior quer pola súa relevancia como emprazamento de dinamización político-cultural, social e editorial fundamental no conxunto do Estado.

Axenda completa de actos de Estaleiro Editora en Barcelona:

22 de abril (16.30 h.). Facultat de Lletres, Universitat Autònoma de Barcelona (Bellaterra). Organiza o Lectorado de Galego.

24 de abril (19.30 h.). Espai Social Magdalenes (C/ Magdalenes, 13-15). Organiza Espai Gallec dels Països Catalans.

25 de abril (18 h.). Centro Galego de Barcelona (Rambla de Caputxins, 35-37).


4,76/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: