Son produtores e arroz e agricultores brancos. Deixaranlles aos indíxenas os seus asentamentos tradicionais, unha zona de 1,7 millóns de hectáreas.
Os indíxenas de Serra Raposa do Sul, a celebrar a homologación das súas terras polo goberno brasileiro en setembro de 2007
O día 30 de abril é a data límite para que as persoas coñecidas como non indios abandonen a Raposa Serra do Sol, no estado de Roraima, no Brasil. Así o sinala unha sentenza do ministro do Supremo Tribunal Federal (STF) Carlos Ayres Britto, que obriga aos produtores de arroz e agricultores brancos a deixar a área de 1,7 millóns de hectáreas.
Segundo lle contou o superintendente da Polícia Federal (PF) en Roraima, José Maria Fonseca, á Agência Brasil, o emprego da forza non vai ser preciso no desaloxo. Porén, os axentes están preparados para controlar e disipar "rapidamente eventuais resistencias". "Non hai máis que recorrer. A decisión xudicial está aí, deberá e terá que ser cumprida. Non ten porque haber resistencia", afirmou Fonseca.
O prazo para a retirada dos agricultores brancos foi estabelecido polo STF após un proceso que se desenvolveu todo o mes de marzo, no que a Corte decidiu manter a demarcación da reserva en faixa continua -non dividida en zonas indias e non indias, como pedían os facendeiros-, con usufruto exclusivo dos pobos indíxenas.
Para saber máis sobre a demarcación das terras indíxenas no Brasil, consulte esta información de Vieiros.
Como se ha desenvolver a chamada " desintrusão"
Até o dia 30 hase desenvolver a chamada "desintrusão" ou "retirada dos brancos" da Raposa Serra do Sol. O proceso, controlado polo goberno de Lula e supervisado pola Fundação Nacional do Índio (Funai) estase a desenvolver con rigor.
Técnicos do Instituto Brasileiro do Meio Ambiente e dos Recursos Naturais Renováveis (Ibama), da Funai, do Instituto Nacional de Colonização e Reforma Agrária (Incra), da Agência Nacional de Águas (ANA) e do Ministério da Agricultura están a entrar na reserva para inventariar a área plantada, estimar o prazo de colleita, identificar os danos ambientais e poder estabelecer as indemnizacións que se lle han dar aos agricultores que marchen dos asentamentos indíxenas tradicionais.
Antes de se coñecer a decisión do STF, permanecían na reserva seis grandes produtores de arroz e perto de 50 familias labregas, que non concordaban coa cifra das indemnizacións depositadas pola Funai, e co reasentamento noutras áreas do estado de Roraima. O desaloxo dos facendeiros da zona levou a máis de un enfrontamento violento cos indíxenas e coa policía, non só no estado de Roraima, senón tamén no Mato Grosso do Sul, nun proceso que dura xa varios anos.