Quedou visto para sentenza o xuízo contra tres mozos acusados de tentarlle cortar unha perna ao monumento franquista. A defensa pediu a libre absolución.
Estatua de Millán Astray na Coruña
A Fiscalía da Sala Primeira do Penal dos xulgados da Coruña pediu un ano e 10 meses de cadea, máis unha multa de oito mil euros, para cada un dos tres acusados de causar desperfectos na estatua dedicada ao militar Millán Astray na cidade coruñesa. Os feitos tiveron lugar o 18 de maio de 2005.
Os tres imputados están acusados de atentado contra un ben monumental. Aínda que se negaron a contestarlle ao fiscal, recoñeceron perante a defensa a súa participación nos feitos e que trataron de cortarlle unha perna a un dos símbolos franquistas que perduran na Coruña.
O avogado defensor, Guillerme Presa, solicitou a libre absolución dos tres acusados, por considerar que estaban a cumprir co seu deber por exercer o dereito constitucional que estabelece "eliminar todos os elementos simbólicos que atenten contra a dignidade das persoas", e que derivou na Lei de Memoria Histórica de 2007.
A norma, que estabelece a eliminación da simboloxía franquista dos espazos públicos, impide que exista delito na acción dos tres acusados, considerou Presa, e que, en todo caso, podería existir unha falsa, só sancionábel mediante o dereito administrativo. O fiscal rebatiu a postura asegurando que ningunha autoridade lles solicitara a tarefa e que actuaran por "iniciativa propia" e cunha "ideoloxía determinada".
Tanto o fiscal como o Concello da Coruña coincidiron en solicitar a mesma condena para os tres mozos, mentres que a acusación particular, exercida por unha asociación de lexionarios, solicitou a pena máxima estabelecida pola lei: tres anos de prisión e 18.900 euros de multa para cada un. A agrupación alega como agravante o feito de que o ataque se produciu "disfrazados", e que non condenalos podería sentar un precedente "moi perigoso".
O xuízo quedou visto para sentenza.