O portal unifica nun mesmo enderezo recursos de busca de información do Sistema Universitario galego, con miles de publicacións accesíbeis.
As tres universidades do país e o Consorcio de Bibliotecas Universitarias (Bugalicia), co financiamento da Consellaría de Innovación e Industria, puxeron en marcha un servizo unificado de busca simultánea e recuperación de información. A través da plataforma Pórtico poderase acceder aos recursos de Bugalicia e de cada unha das tres universidades.
Ese metabuscador será a principal ferramenta do portal, mais non a única. A través do motor poderase acceder a revistas, libros, bases de datos, catálogos bibliográficos, teses, patentes, normas, enciclopedias e dicionarios electrónicos, ademais de prensa dixital ou boletíns oficiais. Bugalicia destaca, ademais, polos seus recursos de información científica, con arredor de 20.500 revistas electrónicas, 4 mil e-books, case 50 bases de datos con acceso a milleiros de publicacións íntegras e máis de 10.500 actas de congresos ou normas, de consulta indispensábel nas enxeñarías.
Outros servizos adicionais integrados na plataforma son o xestor de ligazóns SFX, que xera dinamicamente enlaces entre os compoñentes da biblioteca dixital. Esta ferramenta permite obter o texto completo -sempre que estea dispoñíbel- despois da busca e comprobar se a biblioteca dispón dunha copia impresa. Facilita, ademais, a solicitude do exemplar a través do servizo de empréstito interbibliotecario.
Pero a principal virtude de Pórtico é que permite acceder dentro dun mesmo menú a servizos que antes dispoñían de diferentes páxinas web. Aínda así, Pórtico nace para complementar e achegar valor engadido, non para substituír as diferentes plataformas especializadas.
Novas tecnoloxías
A implantación de Pórtico permite que todas as bibliotecas universitarias de Galiza se manteñan ao día na implantación das novas tecnoloxías da información para fornecer os servizos bibliotecarios que se prestan a toda a comunidade universitaria, para os cales o acceso electrónico á información nas mellores condicións é vital para as súas actividades científicas, docentes e de formación.