Días para apagar todos os trebellos electrónicos que teñan pola casa, e para facer máis vida lonxe do sofá, reconectando co mundo natural e a xente do redor.
Este semana hai dúas citas coa defensa do medio e as relacións humanas que se complementan entre elas. O caso é cumprilas. A primeira é a Semana da Desintoxicación Dixital e a segunda a Semana sen Televisión.
A Semana da Desintoxicación Dixital está convocada polo colectivo norteamericano Adbusters, e, baseándose nos lemas da Semana sen TV, anima a apagar os aparellos electrónicos que levemos todo o día enriba: as PDA, os móbiles, os MP3, MP4, as consolas de peto e mesmo os computadores. Convencidos de que o uso cotián destes trebellos é prexudicial para a nosa saúde e a do medio, os membros de Adbusters queren que se siga o seu exemplo para non acender até o domingo a calquera pantalla, baixo o lema "durante sete días, reconecta co mundo natural e a xente que está ao teu carón".
Para axudar a dar un paso que a máis de un lle resulta ben complicado, este colectivo propón un plan de afastamento gradual das pantallas, para que poidamos centrar o tempo que adoitamos dedicar a andar nestes aparellos a pasear, ler ou conversar cos amigos. A campaña, lanzada dende os EUA e Canadá, está a ser seguida en todo o mundo, ademais de polos membros de Adbusters do Xapón, Australia e Europa, por organizacións como a francesa Casseurs de Pub, a italiana Esterni e a internacional White Dot.
A segunda cita coa defensa do medio: a semana sen televisión
A outra cita, entre o 20 ao 26 de abril, e que tamén se desenvolve, a nivel internacional, é a Semana sen Televisión. Dende o colectivo Ecoloxistas en Acción chaman a secundar esta convocatoria, sinalando que a TV "illa as persoas, deteriora o medio e incita, constantemente, a un consumo irracional", polo que ven "preciso" denunciar o "papel que cumpre na destrución do planeta".
Esta semana, ademais de denunciar os resultados perniciosos do uso da TV, servirá para repensar, de novo, o seu lugar, afastado do que hoxe ocupa de "destrutor das relacións sociais e promotor dun consumo insustentábel".