Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
GUSTAVO NIEVES, FONDISTA

Un vilalbés na corte privada dos corredores kenyanos

O atleta da Sociedade Ximnástica de Pontevedra acaba de rebaixar nun minuto e 10 segundos a marca mundial dos 10.000 metros na súa categoría.

Pablo García Martínez - 11:00 17/04/2009
Gustavo Nieves nunha carreira de anos anteriores, coa camiseta do seu antigo club

Gustavo Nieves nunha carreira de anos anteriores, coa camiseta do seu antigo club

Cando un mozo de 17 anos ten que mudar de xeito radical o rumbo vital por motivos alleos á súa vontade sempre resulta difícil asimilalo. No caso de Gustavo Nieves Campello (Vilalba, 1982) este cambio motivouno unha perda repentina de visión que nun principio algúns doutores atribuíron a un accidente de moto, pero hoxe ten unha enfermidade de base xenética como causa diagnosticada. Trátase dun tipo de retinopatía (enfermidade da retina) que é coñecida como aneurisma miliar de Leber.

Ao preguntarlle pola asimilación deste cambio Gustavo cóntanos: "Eu leveino ben, que lle vas facer? Xogaba ao fútbol e quería facer Bioloxía pero vinme obrigado a dar un xiro á miña vida e seguir adiante". Sobre o delicado papel que os achegados deben levar a cabo nestas situacións Gustavo cóntanos que "cada persoa é un mundo", pero no seu caso o único que reclamou foi "normalidade".

Nesa adaptación á nova realidade cruzouse o atletismo dun xeito case casual: "Comecei a correr por non deixar de facer deporte e pouco a pouco funlle collendo gusto". Afíxose ao atletismo e, ademais, non se lle dou nada mal xa que non tardou en facerxe un sitio na historia olímpica. Isto foi no ano 2000 cando acadou o quinto posto na final dos 10.000 metros lisos, nos Xogos Paralímpicos de Sidney.

No eido académico comezou a Enxeñería de Minas na Universidade de Vigo, que pretende rematar durante o vindeiro curso académico. Despois de centrarse en avanzar nos seus estudos Gustavo decidiu volver a probar o sabor do mel olímpico en Beixín, o pasado verán. Desta vez a sorte viroulle as costas e sufriu unha rotura de fibras poucas semanas antes, mais quixo ir até China, e correu infiltrado nas semifinais de 5.000 metros. Acadou así a clasificación para a final pero nesta carreira a perna non aguantou máis e o músculo danado rematou rompendo definitivamente.

Gustavo volveu de Beixín "cunha espiña cravada" e resolveu arriscarse a ter un último idilio co olimpismo, aproveitando que o seu proceso de formación académica chega á fin. Así mudouse para Pontevedra e entrou a adestrar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) como externo, pensando na cita olímpica de Londres 2012.

Agora comeza o día cun paseo cos seus dous cans por Pontevedra para despois meterlle a primeira quenda de adestramento e a continuación estudar unha miga. Despois come nas instalacións do CGTD e a continuación todo volve empezar cando saca novamente aos seus cans de paseo. Despois de adestrar e estudar cea na casa coa súa compañeira, con quen comparte teito.

Este fondista vilalbés foi para Pontevedra coa idea de preparar os Xogos de Londres 2012, pero esforzouse tanto que os resultados tardaron moi pouco en chegar. Así, o mes pasado participou co equipo nacional no campionato estatal de cross, sendo o sexto mellor dos galegos e contribuíndo ao terceiro posto acadado polo equipo, detrás de Cataluña e unha das Castelas.

Pero o seu mellor resultado chegou o pasado 4 de abril cando participou en Compostela no campionato galego de 10.000 metros, no que rematou en segunda posición por detrás de Gustavo Platas Vidal. O significativo foi a súa marca de 30 minutos e 32 segundos, que rebaixa nun minuto e 10 segundos a anterior marca, coa que o kenyano Henry Kypprona venceu nos pasados Xogos de Beixín.

Semella que este vilalbés de 27 anos está ofuscado coa idea de rachar o dominio dos corredores africanos nas carreiras de fondo e, vendo a súa evolución, xa poden botarse a tremer aqueles que teñan idea de loitar con el polo ouro dentro de tres anos en Londres.


4,11/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: