Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
CULTURA INICIA O PROCESO

O cuartel de San Fernando de Lugo poderá ser Ben de Interese Cultural

Até que a súa situación fixo perigar a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, este era o lugar escollido para o futuro auditorio da cidade.

Redacción - 19:25 15/04/2009

A Consellaría de Cultura publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galiza (DOG) a incoación do expediente de declaración do Cuartel de San Fernando de Lugo como Ben de Interese Cultural (BIC), segundo informa na súa web. Esta declaración atendería a que o monumento supón un bo exemplo da arquitectura neoclásica, que logo de 225 anos, conserva a estrutura e a organización espacial proxectada orixinalmente. Ademais, é o único acuartelamento que se erixiu na cidade de Lugo na época ilustrada e marca o cambio entre o período barroco e o neoclásico.

Diferentes organismos independentes, como a Real Academia Galega de Belas Artes, o Consello da Cultura Galego ou a Universidade de Compostela elaboraron informes favorábeis a esta declaración. Logo da publicación da resolución da Dirección Xeral de Patrimonio, iníciase o procedemento administrativo e ábrese o período de información pública dun mes, no que as persoas e as entidades interesadas poden examinar o expediente e presentar as alegacións que consideren oportunas. A decisión tómase así poucos días antes do cesamento do actual goberno e mentres é titular da Dirección Xeral de Patrimonio o lucense Felipe Arias Vila.

Un cuartel que puido ser auditorio
O cuartel de San Fernando foi o lugar escollido inicialmente polo goberno de Xosé López Orozco (PSdeG) para o demandado auditorio de Lugo. Porén, o grupo municipal tivo que mudar de opinión logo de que a asociación Icomos-España, asesora da UNESCO, concluíse nun contundente informe que o proxecto afectaría de xeito moi negativo ao entorno visual da Muralla de Lugo. Advertíalle entón á Xunta e ao concello que era "totalmente improcedente dende o punto de vista cultural e da protección dos bens declarados Patrimonio Mundial" escoller este lugar e que poría en perigo a declaración da muralla como Patrimonio de Humanidade.

Xa anteriormente, a Consellaría de Cultura alertara sobre o proxecto, adiantando que provocaría un grave impacto visual e que non se axustaba ao entorno, o que xerara unha das máis sonadas liortas políticas entre Orozco e os nacionalistas. Finalmente, e logo de varias xuntanzas cos técnicos de Icomos, o goberno municipal decidiu mudar a situación do auditorio, que será finalmente construído noutra zona da cidade. Con todo, o proxecto que aínda hoxe se mantén para o cuartel de San Fernando é o da construción do Museo da Romanización, cun deseño con menos impacto sobre o edificio orixinal e sobre o entorno.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: