Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SIMPOSIO 'POÉTICAS DE RESISTENCIA'

Pensar, resistir e vencer

Iris Cochón e Arturo Casas coordinan o encontro interdisciplinar, no que participarán Cornelia Gräbner, Mario Viveros ou María do Cebreiro.

Redacción - 09:15 15/04/2009

En que modo a intervención cultural estabelece hoxe relacións de interdependencia con dinámicas sociais, políticas e económicas? Cal é a a marxe de manobra para lograr desestabilizar a axenda política e económica do neoliberalismo, para resistir e vencer a hexemonía exercida e abrirmos paso ao cambio histórico? En que medida son efectivas as poéticas de resistencia? En que modo se vinculan resistencia e poder? Arturo Casas facía estas preguntas no seu blog hai un par de semanas, cuestións sobre a que o II Simposio Poéticas de Resistencia, que Casas coordina o encontro canda á profesora Iris Cochón.

O encontro está organizados pola área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC en colaboración con Poetics of Resistance, unha rede de investigadores e activistas europeos, sudamericanos e estadounidenses centrada no debate sobre as posibilidades actuais da resistencia, isto é, sobre as prácticas de intervención social e cultural e na súa eficacia presente. O primeiro encontro celebrouse a primavera pasada en Leeds, organizado por Ben Bollig e Cornelia Gräbner. Daquela desprazáranse a Inglaterra Arturo Casas, Iris Cochón, Chus Pato, María do Cebreiro ou Isaac Lourido.

A rede está composta por escritores, cineastas, editores, críticos, activistas sociais e performers e busca un compromiso crítico co presente tendente a desestabilizar as prácticas neoliberais mediante a desmontaxe dos modos operativos dos media e a integración de estratexias procedentes da cultura popular pero tamén a reflexionar sobre as limitacións do alternativo.

Os debates terán lugar o xoves 16 e o venres 17 no Centro de Estudos Avanzados da USC, por onde pasarán investigadores, e creadores de varias disciplinas, dende a poesía ao cinema. O programa inclúe unha serie de actividades paralelas, coa presentación de Lo que puede un cuerpo. Ensayos de estética modal, militarismo y pornografía (2009) de Jordi Claramonte, ou a intervención na Facultade de Historia da USC de Mario Viveros verbo do documentalismo que se está a facer en México, coa proxección do documental Romper el cerco (2006) e a presentación do libro Canal 6 de Julio: la guerrilla fílmica (2008). Ademais, o xoves a Fundación Granell acollerá un recital poético de Alfonso Pexegueiro, acompañado de Anxo Pintos (zanfona), Quico Comesaña (arpa) e das actrices María Caparrini e Vanesa Sotelo.

A sesión do xoves abrirase cun debate sobre A resistencia cultural no ámbito dos estudos de emerxencia no que participarán Cornelia Gräbner, Margarita García, Jorge Sacido Romero e Iria Sobrino, e a seguir outro sobre Teoría da historia e resistencia coa intervención de Arturo Casas, Lorena Domínguez, Antonio Díaz e Thomas Muhr. Xa pola tarde Carlos Quiroga, Alethia Alfonso, Paula Cristina Oliveira da Cruz e Eduardo Espina falarán sobre Sátira, humor e parodia como estratexias resistentes. A última mesa desta primeira xornada explorará tres experiencias resistentes da man de María do Cebreiro, Cristian Aliaga e Mario Viveros.

Máis información na reportaxe de Praza das Letras
Consulta o programa completo aquí


4,75/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: