Constitúe a louvanza a unha carreira chea de éxitos, na que destacan as 13 medallas acadadas en tres edicións dos Xogos Paralímpicos, oito delas de ouro.
Chano Rodríguez no seu hábitat natural, a auga
Sebastián Rodríguez Veloso, Chano, o mellor deportista galego da historia olímpica recibiu esta semana un novo recoñecemento ao seu desenvolvemento dentro das piscinas. Así o Consello Superior de Deporte (máximo organismo adicado á práctica deportiva integrado no goberno español) decidiu concederlle a Medalla de Ouro ao Mérito Deportivo.
Ademais de gañar varios campionatos do Mundo e de Europa, Chano Rodríguez participou nas últimas tres edicións dos Xogos Paralímpicos, acadando oito medallas de ouro, dúas de prata e tres de bronce. Tamén rebaixou, en varias ocasións, as marcas mundiais de 50, 100 e 200 metros libres.
Chano debe a súa minusvalía a unha folga de fame realizada no ano 1990 como protesta para pedir o reagrupamento dos presos do GRAPO, cando cumpría cadea, acusado de participar no asasinato do Presidente da Confederación de Empresarios de Sevilla, Rafael Padura. Dende a súa saída da cadea, no ano 1994, Chano instalouse en Vigo, onde hoxe é respectado e querido non só polos seus logros deportivos, senón tamén pola labor que desempeñou no eido da concienciación social, xa que se erixe como un exemplo de superación para moitos dos seus veciños.
Este premio chégalle a Chano no tramo final da súa carreira deportiva, con 52 anos, e só un ano despois de recibir o Premio Nacional do Deporte. Así, os logros deportivos e humanos de Sebastián Rodríguez Veloso tamén son recoñecidos no estranxeiro, como demostra o feito de que este galardón vaia a ser imposto o día 22 polos reis de España nun acto celebrado en Madrid.