Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DÍA DA REPÚBLICA

As homenaxes aos alcaldes fusilados centran os actos do 14 de abril

Os rexedores de Ourense e Moaña den 1936 recibirán senllos recoñecementos. Tamén se organizan actividades na Coruña e Ferrol.

Redacción - 11:30 14/04/2009

Xosé Fandiño, o derradeiro alcalde republicano de Moaña, foi fusilado o 31 de decembro do 1936 no Castro, en Vigo. Este 14 de abril, aniversario da proclamación da Segunda República, renderáselle unha homenaxe na súa vila, que comezará ás 20:30 horas coa descuberta dunha placa e a presentación dun retrato seu, que se colocará no salón de plenos. Despois, Xosé Carlos Villaverde Román e Xoán Miguel González Fernández lerán senllas conferencias, tras das que terá lugar unha proxección.

Ademais, o concello do Morrazo lembrará outros sete veciños xulgados en Vigo baixo a acusación de rebelión. Fandiño, condenando a morte por masón, foi enterrado nunha foxa común en Pereiró, e posteriormente os seus restos foron trasladados ao cemiterio de Moaña.

Manuel Suárez, alcalde de Ourense
En Ourense tamén se homenaxeará ao seu último alcalde antes da ditadura. Manuel Suárez foi apresado e xulgado en 1937, e fusilado canda a outros catro alcaldes da provincia: Aquilino Sánchez Rodríguez (Carballiño), Benito Galego Montero (Ribadavia), Carlos Reino Caamaño (Verín) e Abdón Blanco García (Barco de Valdeorras). O venres 17 terá lugar un recoñecemento conxunto a todas estas persoas así como ás "vítimas silenciosas" da represión, nun restaurante das aforas de Ourense. Está previsto que asistan máis de 400 persoas.

Actos na Coruña e Ferrol
Na Coruña o sábado 18 celebrarase a tradicional 'Cea da República' na que se lle fará entrega a María Teresa Alvajar da distinción 'Republicana de Honra'. O domingo, a partir do mediodía, na rúa Disciplina (antes Liberdade) comezará un roteiro de homenaxe aos represaliados polo franquismo. No seu inicio intervirán Perla Torreiro e Manuel Monge, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, para reivindicar a supresión da simboloxía franquista. Continuará no monumento a Ramón Maseda, no Campo de Marte, coa intervención de Xosé Luís Rodríguez Pardo; despois, no Cemiterio Civil con intervención de Beatriz Parga; na rúa Pedro Galán Calvete, coa intervención de Pedro Galán, sobriño do asasinado, e rematará na rúa Xosé Villaverde coa intervención de Mariquiña Villaverde, filla do asasinado.

En Ferrol, o martes 14, a partir das 20:00 horas, o Ateneo organiza unha charla coloquio sobre a Segunda República na que intervirán Xosé M. Suárez e Eliseo Fernández. Os actos completaranse o sábado 18, cunha cea conmemorativa nun restaurante de Valón.


4,73/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: