O máximo galardón no eido da arquitectura recoñece este ano o "talento, visión e compromiso" dun creador pouco coñecido fóra dos ámbitos especializados.
Peter Zumthor, premiado co Pritzker en 2009
Segundos os expertos, as Termas de Vals, no cantón suízo de Graubünden, son a obra mestra do arquitecto Peter Zumthor, gañador en 2009 do Premio Pritzker, que acaba de ser comunicado polo xurado. Na altura dos seus 65 anos, Zumthor recibirá oficialmente o galardón o próximo 29 de maio, nunha cerimonia que este ano acollerá a cidade de Bos Aires.
O xurado destacou que se trata dun profesional "admirado" polos seus colegas en todo o mundo por un traballo "ben orientado, sen ataduras e excepcionalmente determinado". "Todas as súas construcións teñen unha forte e eterna presencia", subliñan. "Ten un talento pouco común para combinar un claro e rigoroso pensamento cunha dimensión verdadeiramente poética, dando en traballos que nunca deixan de inspirar", apunta o xurado.
Na web oficial do Premio Pritzker, poden ampliar información sobre Zumthor e a súa obra arquitectónica. En anos anteriores, o premio fora outorgado a Álvaro Siza (1992), Rafael Moneo (1996), Zaha Hadid (2004) ou Jean Nouvel (2008).