O cineclube do audiovisual ofrece unha escolma das mellores producións saídas dos centros da Coruña e de Vigo.
Flocos.Tv engade ao seu cartel un conxunto de pezas realizadas na década dos 90 na Escola de Imaxe e Son da Coruña e nos últimos anos na Escola de Imaxe e Son de Vigo (IESV). Procedentes deste centro vigués dende esta semana pódense ver 1939, un berro de silencio (2004), Galáctea (2001), Bajo cero (1999), Chourizos e augardente (2003), La zapatilla (2005), Lágrimas de sangre (2007) e Séptimo asalto (2008). A Axencia Audiovisual anunciou que Flocos continuará en funcionamente até o 30 de maio.
Pola súa banda, as pezas producidas na Coruña están reunidas baixo o título EISperimenta. Estas curtas comparten a liberdade creativa e a experimentación con novas formas de facer cinema. Os filmes son Infección palúdica (Juan Lesta, 1996), unha videocreación sobre a condición humana e a televisión; Tempus fugit (X. Manuel Otero, 1991), documental sobre o paso do tempo e que foi seleccionado na EXPO Sevilla de 1992; Ósos e pel (A. Feijó e A. Casanova, 1992), unha sinfonía de imaxe e son sobre o construír dun edificio; El camino del agua (Toño López Ríos, 1993), videopoema erixido sobre poemas de Antonio Machado; Tirapuxa (Manu Mayo, 1996), videodanza con artistas do Ballet Nacional de Cuba; Lo imaginado (Beatriz del Monte, 1992), reflexión sobre a incomunicación, a soidade e a necesidade de abrir xanelas ao exterior; Pechados no mar (Coté Hospido, 1993), documental creativo sobre unha cidade da Coruña, diferente, ensimesmada nun día de choiva; El pasajero (Voro de los Santos, 1992), videocreación inspirada nun texto de Kafka; e Lumi (Lhosca Arias, 1994), a primeira curtametraxe de animación realizada en Galiza.
Mira aquí as curtas realizadas na escola de Vigo
E aquí as obras experimentais do centro da Coruña