Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tras a declaración do estado de emerxencia

Os enfrontamentos entre policía e antigobernamentais en Bangkok terminan con máis de 70 feridos

O exército pasou a madrugada da segunda feira tentando disolver, pola forza, as mobilizacións que ocupaban o centro da capital tailandesa.

Redacción - 08:00 13/04/2009
Nas protestas resultaron feridas, polo menos, 77 persoas

Nas protestas resultaron feridas, polo menos, 77 persoas

Polo menos 77 persoas resultaron feridas na madrugada desta segunda feira en Bangkok, no transcurso dos enfrontamentos entre o exército tailandés e os manifestante opositores ao primeiro ministro, Abhisit Vejjajiva, os chamados 'camisolas vermellas'.

Nun intento por recuperar as rúas do centro, uns 400 soldados empregaron gas lacrimóxeno e realizaron disparos de advertencia ao ar, segundo explicou un voceiro do exército de Tailandia, o coronel Sansern Kaewkamnerd, a unha emisora de radio local. Os 'camisolas vermellas' tamén entraron na loita, atropelando varios militares cos autobuses que conducían, e empregando pedras e cascallos contra eles.

O goberno de Tailandia declarou o domingo o estado de excepción en Bangkok e na contorna da capital. A decisión chegou despois de que as protestas antigobernamentais obrigasen a suspender a cimeira da Asociación de Nacións do Sureste Asiático (ASEAN), e despois de que os manifestantes entrasen na sede do Ministerio do Interior e obrigasen ao primeiro ministro Vejjajiva -que era, segundo os asaltantes, o obxectivo prioritario-, a fuxir a todo correr.

O líder das revoltas anuncia o seu regreso, "se se dá un golpe de Estado"
Por outro lado, o goberno anunciou a detención de varios 'camisolas vermellas', mais sen indicar o número exacto. A policía ten a orde de arrestar a todos os líderes da protesta; o principal, Arisman Poongruengrong, xa foi detido o domingo pola mañá. Os opositores ao primeiro ministro acúsano de ter chegado ao poder en decembro mediante procedementos antidemocráticos. Nas rúas claman polo regreso do ex mandatario, Thaksin Shinawatra, auto-exilado dende 2006. Durante a noite do sábado para o domingo, o propio Thaksin falara cos líderes das protestas, por teléfono, instándoos a facer unha "revolución popular". Este é "o momento de ouro", dixo, e afirmou a piques a regresar a Tailandia para liderar o pobo "no caso de que se dea un golpe de Estado".

Máis información:


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Situación de Tailandia
Situación de Tailandia
Os manifestantes ocuparon o centro da cidade e empregaron autobuses contra o exército
Os manifestantes ocuparon o centro da cidade e empregaron autobuses contra o exército
O primeiro ministro tailandés, Abhisit Vejajjiva, decretou o domingo o estado de emerxencia
O primeiro ministro tailandés, Abhisit Vejajjiva, decretou o domingo o estado de emerxencia