Algúns estados do continente opóñense á medida, mentres o Estado Español e o Reino Unido aceptaron sen problemas traspoñer a norma.
Os operadores europeos de internet están obrigados dende este luns a conservar os datos de correo electrónico, visitas a webs e chamadas telefónicas dos seus usuarios, segundo unha directiva da Unión Europea. A norma xurdiu a consecuencia dos atentados que tiveron lugar en Londres no ano 2005.
Empresas de telecomunicacións e grupos de usuarios xa amosaron a súa oposición á medida, contestada nalgúns estados europeos. En declaracións á BBC, Jim Killock, do Open Rights Group, dixo que era unha "tolemia de directiva" con repercusións potencialmente perigosas para a cidadanía.
A directiva require que os operadores garden os rexistros de internet durante un ano. Outra relativa a manter as gravacións telefónicas durante 12 meses xa estaba vixente. A información gardada non inclúe o contido de correos, webs nin o audio das chamadas, pero si información necesaria para determinar o contacto entre individuos. As autoridades poderán acceder a estes rexistros cunha orde.
A directiva estase a traspoñer á lexislación de cada un dos estados membros da UE. Entre os favorábeis está, como era de agardar, o Reino Unido. Porén, os fornecedores de servizos de internet da Unión Europea queixáronse do custo que lles vai supoñer conservar os rexistros. No caso británico, o goberno comprometeuse a compensar este gasto.
Killock afirmou que a directiva aprobouse forzando a lei, mediante votación simple e non por unanimidade, xustificando que non se trataba de "asuntos políticos" senón "comerciais". Ademais, introduciuse aproveitando a situación de medo en Europa despois dos atentados de Londres e de Madrid.
Suecia xa anunciou que ignorará a directiva, mentres que os tribunais alemáns están a estudar un recurso. Pola súa banda, a lexislación do Estado Español, concretamente a Lei Xeral de Telecomunicacións, xa contempla que estes datos se garden un máximo dun ano, co que cumpre coa directiva europea.