Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
INFORME DO OLG

As empresas privadas optan por webs en castelán

Tres de cada catro portais da administración ofrecen a súa páxina inicial en galego; mentres, isto só sucede no 38,% dos grupos sociais.

Redacción - 12:30 03/04/2009

En Galiza, o castelán é a lingua máis empregada en internet, tanto nas páxinas web coma nos blogs. Esta é unha das conclusións sobre o uso da lingua na internet que acaba de publicar o Observatorio da Lingua Galega (OLG).

Páxinas institucionais, en galego
Con todo, existen sectores nos que a presenza do galego é maior. Isto sucede, como cabería agardar, nas webs pertencentes ás administracións, sobre todo polo peso das institucións galegas (Administración autonómica e concellos). Tal é así que a análise dos datos depara que a totalidade das institucións autonómicas teñen a súa páxina de inicio por defecto en galego, mentres que as entidades da Administración do Estado a teñen en castelán. No caso da administración local, case o 88,7% emprega tamén o galego. Mentres, no caso de institucións europeas, as páxinas web non ofrecen o galego no seu menú.

No caso das organizacións sociais, a situación é diversa: o galego é a lingua empregada maioritariamente na páxina de inicio de organizacións políticas e sindicais (83,3%) e universidades (tres de catro), mentres que o castelán está máis presente na Administración relixiosa (tres cuartas partes) e nos medios de comunicación (no 77,9%).

Na empresa, menos presenza que o inglés
No caso das compañías privadas, as porcentaxes de emprego do galego na páxina de inicio son inferiores ao 2%, é dicir, o castelán é a lingua predominante. Aínda máis, aquelas empresas de máis de 250 empregados que teñen a páxina de inicio en linguas diferentes do galego e do castelán ascende até o 6,5%.

Ademais, a maior parte das webs das empresas (75%) teñen a súa páxina de inicio nunha soa lingua, sexa galego, castelán ou outra. A posibilidade de escoller o idioma no que se pode navegar polo portal atopámola en 15 de cada 100 empresas.

Blogs, un escenario de optimismo
No caso do blogomillo, tres de cada dez usuarios empregan o galego para os seus contidos, o que, segundo o informe, "demostra a vitalidade da lingua neste formato". Con todo, neste eido tamén predomina o castelán, cun 66,8%. A segunda lingua máis utilizada é o galego, cun 30%, mentres que as outras linguas teñen unha presenza residual: 4,2%.

A calidade lingüística, tarefa pendente
En xeral, os textos están máis correctamente redactados nos blogs que nas webs, cunha media de 12 erros por páxina. Son as webs das empresas e das administracións as que cometen máis incorreccións: unha media de 15,1 e de 22,6 respectivamente. Mentres, as organizacións sociais cometen 11 erros de media por web. Os máis frecuentes son os ortotipográficos, que se poderían solucionar utilizando un corrector ortográfico, seguido dos léxicos.

No referente á norma empregada, a maioría dos portais de internet e dos blogs seguen a normativa RAG/ILG. Nos blogs, a súa maior parte están adaptados ás últimas modificacións de 2003, igual que sucede coas páxinas das administracións. Mentres, no eido empresarial son unha minoría as que están adaptadas.


Ligazóns

3,75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: