Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Contorno ameazado por unha central eléctrica

O mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil é declarado Ben de Interese Cultural

Os ecoloxistas felicitan a decisión da Consellaría de Cultura e agardan que sirva para frear a teima de Iberdrola en construír unha central hidroeléctrica no lugar.

R. N. - 13:30 02/04/2009

"Outórgalle o máximo grao de protección ao cenobio que se erixe como un dos grandes fitos monumentais e espirituais da Ribeira Sacra polo seu valor histórico-artístico, arquitectónico, ambiental e espiritual". Así o subliña a Consellaría de Cultura na declaración do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, no concello ourensán de Parada de Sil, como Ben de Interese Cultural na categoría de monumento.

Ao tempo, estabelécese un contorno de protección do mosteiro, que se estende polas ribeiras do Sil, desde a desembocadura do regato de Portela e até a do Furando, terras que abranguen tamén parte do municipio lugués de Sober. Ao fío, desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Xan Carlos Fernández, voceiro en Ourense do colectivo, destaca a importancia da protección deste espazo e recorda a teimosía da empresa Iberdrola en construír unha central hidroeléctrica no contorno de Santa Cristina.

O Ministerio admite que o proxecto de central está outra vez en trámite
En recente resposta no Congreso á deputada galega Olaia Fernández Davila (BNG), o Ministerio de Medio Ambiente confirmaba que segue adiante a tramitación da solicitude de Iberdrola para construír unha "gran central" no lugar de Parada do Sil.

A empresa xa tentara anteriormente levar adiante un proxecto neste contorno do Sil, malia que logo da presión e as denuncias dos ambientalistas, a iniciativa foi desestimada. Así e todo, o Ministerio xestionado pola ourensá Elena Espinosa deixou a porta aberta á reformulación do esquema inicial. "Case parece que o goberno español lle fixese asesoría á empresa", ironiza Xan Carlos Fernández. Tal e como foi concibido, trátase dun proxecto especialmente agresivo co ambiente, xa que prevé furar os canóns, construír unha balsa na zona alta e turbinar auga polo día, previamente bombeada durante a noite, aproveitando a diferencia tarifaria. "Un proxecto claramente especulativo e de grave impacto ambiental", critican os ecoloxistas.

Desde a empresa afirman ter modificado o proxecto para evitar o impacto e din que respectará o contorno natural. Iberdrola agarda iniciar a construción o ano que vén. Se o goberno español lle dese a beizón final, a central estaría en pleno funcionamento na altura de 2017.


4,5/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: