Varios medios do país deron por certo o peche cautelar da web Chuza por orde xudicial, mentres a prensa do Estado Español segue a ignorar a tradición mundial desta data.
Un ano máis, o 1 de abril os burros foron onde non debían ir. E é que esta tradición galega e universal volveu cachar as persoas máis crédulas e, na era da internet, os medios de comunicación que non comproban a veracidade do que publican.
En Galiza, o engano máis espectacular foi o que perpetrou a web de selección de noticias Chuza.org. O seu responsábel, Berto Yáñez, substituíu a portada da páxina pola imaxe dunha orde xudicial que decretaba o peche da web por ter publicado unha información que facía apoloxía do nazismo. Aínda que se incluían varias ligazóns que descubrían que se trataba dunha brincadeira e que a orde estaba asinada por un maxistrado ficticio de rebuscado nome, varios medios caeron na trampa.
Primeiro foi a axencia Efe, que publicou a información, o que deu pé a que as edicións electrónicas de dous xornais picasen no engado. La Voz de Galicia e Xornal deron por certo o peche de Chuza e publicárono nas súas respectivas portadas. De nada serviu que despois rectificasen e borrasen as informacións falsas para evitar quedaren en evidencia; os internautas déronse présa en tirar capturas de pantalla que demostran que os burros foron onde non debían ir, e que se poden ver na web de Chuza.
As novas versións da información falaban de "simulación", de "orde xudicial falsa" ou, como no caso da Voz, do "día dos Santos Inocentes anglosaxón". Este descoñecemento desa tradición, común a moitos países do mundo, fixo que moitos medios do Estado Español desen por certas informacións publicadas en webs internacionais, por disparatadas que fosen, como acontece cada ano por estas datas.
Deste xeito, o xornal ABC publicou -e despois rectificou- unha información que aseguraba que o británico The Guardian deixaría de imprimirse en papel e pasaría a publicarse vía Twitter (servizo web que permite enviar mensaxes de até 140 caracteres).
En Portugal, o blog do Jornal das Letras informou de que o futbolista luso Luís Figo se convertera en accionista maioritario do grupo editorial Leya. Manuel Bragado, no seu blog Brétemas, expresou as súas dúbidas sobre a veracidade da información, pola data en que se daba a coñecer.
Si é certo que no mundo anglosaxón o April Fools' Day está moi estendido. Así, Google fai cada ano das súas, aínda que algunhas veces os seus lanzamentos son certos, como aconteceu con Gmail no ano 2004. Desta volta, o seu "novidoso" servizo CADIE de intelixencia artificial era claramente falso, e máis ao ver o seu inxenuo e mal deseñado blog, xa desactivado.
Outro dos anuncios que máis sorprenderon o 1 de abril foi o de que Warner Bros mercara The Pirate Bay por 10 mil millóns de euros. A nova, claro está, tamén era unha brincadeira do 1 de abril.
Tamén Vieiros
Seguindo esta tradición, tamén Vieiros colocou na súa primeira páxina este mércores unha nova falsa. Como boa parte da audiencia adiviñaría -aínda que non todo o mundo- foi a información que falaba de 40 funcionarios que renunciaran a cobrar o plus de altos cargos.