O dianteiro Lisandro López foi castigado cun partido de suspensión e 750 euros de multa por "simulación evidente dun penalti inexistente".
Lisandro López, celebrando un gol
O xogador arxentino do F.C. Porto Lisandro López foi sancionado cun partido de suspensión por simular un penalti no partido correspondente á 17ª xornada de liga, que enfrontaba no Estadio do Dragão ao Porto co Benfica. O resultado final foi un reparto de puntos, despois de que o encontro rematara empatado a un gol.
O lance produciuse no minuto 71 do partido, que nese momento rexistraba un marcador de 0-1 favorábel ao Benfica. Lisandro tírase ao chan despois de pasar ao carón de Yebda, xogador do Benfica, co árbitro do encontro Pedro Proença nunha situación inmellorábel para apreciar a xogada. Posteriormente Lucho González transformaría a presunta infracción no gol do empate.
A comisión disciplinar da liga portuguesa fixo público o seu fallo o pasado mércores, argumentando a "simulación evidente dun penalti inexistente" que provocou unha "decisión arbitral errada". Lisandro será multado con 750 euros e ademais perderá os dous seguintes partidos, un deles por unha sanción derivada da acumulación de cartóns amarelos.