Un cento de persoas que realizan labores de dinamización lingüística nos centros constituíron o sábado unha coordinadora para traballar conxuntamente.
Un cento de coordinadores de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino públicos e privados de Galiza reuníronse a pasada fin de semana para consituír unha coordinadora. O obxectivo é que esta Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística sirva para estabelecer dinámicas de colaboración entre os diferentes equipos, unha cooperación que permita compartir experiencias normalizadoras que redunden positivamente no traballo da dinamización lingüística nos centros de ensino galegos. Entre as primeiras accións da Coordinadora, redactouse un manifesto sobre a derrogación do Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, anunciada polo novo goberno da Xunta de Galicia.
A Coordinadora pídelle a Núñez Feijoo que manteña o decreto, que desenvolve o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia no ano 2004 e elaborado, na parte referida á educación, por unha comisión na que se integraban representantes das ANPAS, do profesorado, das organizacións pedagóxicas e das patronais do ensino concertado. Consideran queas medidas que se estabelecen no decreto son "unha achega importante na tarefa dinamizadora e normalizadora que realizamos nos centros e que non pasou tempo suficiente para avaliar se os seu resultados satisfán os obxectivos para os que foi aprobado".
De igual xeito, o manifesto afirma que o decreto "supón a superación dunha lexislación, o Decreto 247/95, que -despois de 12 anos de aplicación- tiña demostrado que non estaba respondendo aos obxectivos para os que fora deseñada, tal como poñen de manifesto os últimos datos do Mapa Sociolingüístico de Galiza".