Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OBSERVATORIO DE PREZOS

A Coruña, entre as cidades máis caras e Ourense, entre as máis baratas

Un estudo elaborado polo Ministerio de Industria demostra que encher o carro da compra sáelle a un coruñés un 6% máis caro que a un ourensán.

Redacción - 19:00 31/03/2009

As diferencias no prezo dos produtos de primeira necesidade é a unha realidade no Estado Español, malia que as grandes cadeas controlan a meirande parte do negocio da alimentación. Así o demostra o último informe do Observatorio de Prezos correspondente ao primeiro trimestre de 2009, elaborado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. Segundo estes datos, A Coruña é a cidade galega onde resulta máis caro encher o carro da compra, mentres que Ourense e Vigo están entre as máis baratas. Así, os coruñeses pagan un 6% máis que un ourensán, un 5% máis que un vigués ou un 4% máis que un lugués.

Estas son as estatísticas se nos referimos á compra de referencia, mais as cousas cambian se especializamos a busca. No caso da alimentación envasada, por exemplo, A Coruña é a cidade máis barata de todo o Estado Español. Neste caso, en Vigo, Pontevedra e Lugo é un 1% máis caro, mentres que en Ourense, os prezos soben un 2%.

Se falamos da compra de froitas e hortalizas, a cidade galega que mellor parada sae é Lugo, que se atopa entre as 15 máis baratas do Estado, seguida de Ourense. En Vigo pagaríase un 5% máis que na capital das murallas e na Coruña até un 10% máis. No caso do peixe, sorprendentemente é novamente unha cidade de terra dentro, Lugo, a máis económica. Séguelle Vigo (un 2% máis cara), Ourense (8% máis) e, moi de lonxe, A Coruña (16% máis). No caso da carne, pola contra, lidera cos prezos máis baixos do Estado Ourense, seguida de Lugo (+9%), A Coruña (+15%) e Pontevedra (+16%).

Diferencias na propia cidade
Segundo o estudo, as diferenzas entre unha cesta estándar e unha económica poden superar na maioría das cidades un aforro do 30%. A galega na que máis beneficio se pode sacar mercando produtos baratos ou de marcas brancas é Ourense, cun aforro do 36%, seguida de Lugo co 35%, Pontevedra e A Coruña co 34% e Vigo co 31%.

Con todo, o informe sinala que ten en conta unicamente os prezos e non ten en contra outras variábeis como a atención ao cliente, a situación ou a variedade da oferta, entre outros. Para comprobar individualmente os índices exactos de prezos da maior parte das cidades do Estado, pódese visitar a web do Observatorio.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: