Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O MÉRCORES, DÍA 1

GZVídeos e Olholivre, protagonistas en abril no Cineclube de Compostela

Representantes dos dous colectivos presentarán algúns dos traballos realizados e participaran nun coloquio cos asistentes.

Redacción - 09:00 31/03/2009

O Cineclube de Compostela inicia o mes cunha sesión dedicada aos colectivos GZVídeos e Olholivre. O mércores 1 de abril visitarán o Cineclube dous representantes destas plataformas dedicadas á expresión visual dos movementos sociais, que proxectarán algúns dos seus traballos e os comentarán co público. Despois dun descanso para as festas de primavera, o resto do mes estará dedicado ao cinema directo norteamericano. As proxeccións serán todos os mércores, ás 22:00 horas da noite, no Centro Social O Pichel (Santa Clara, 21). A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda dun euro para colaborar economicamente co Cineclube.

GzVideos pretende constituir "unha comunidade de creación audiovisual alternativa onde conflúan as aportacións creativas de video-activistas e video-creadoras galegas", que traballa cunha produción de urxencia, dando imaxe ás distintas reivindicacións e movementos que se dan en Galiza. Nacidos en Xuño de 2008, presentan no Cineclube unha remontaxe para a ocasión dos traballos realizados neste tempo, co título de Un ano de GZVideos (Galiza, 2009). Olholivre, pola súa banda, tamén tenta construír "un espazo de trabalho onde creadoras e activistas conflúan na creación de ferramentas de expresión feitas desde e para os movementos sociais". Entre os seus obxectivos está a formación teórico e práctica fóra do sistema formal de ensino, coa idea de construir un grupo aberto de traballo para emitir crónica e opinión en forma audiovisual calquera sobre a nosa realidade social e política. Ao Cineclube traerán a curtametraxe A cultura preokupa (Galiza, 2008), sobre a ocupación dun espazo deshabitado no ameazado bairro de As Atochas-Monte Alto, na Coruña.

O 15 de abril comezará o ciclo dedicado ao cinema directo co filme documentario Salesman, realizado polos irmáns Albert e David Maysles (do primeiro dixo Godard que era "o mellor cámara de EUA") e Charlotte Zwerin. A fita segue a catro vendedores entre Nova Inglaterra e Florida mentres tentan vender unhas biblias caras de porta en porta en barrios de clase baixa. Fotografado e gravado cun gran equipo móbil, este mural de caras, palabras, cuartos de hotel, vestíbulos, rúas e cociñas é un dos mellores exemplos do cinema directo, transformando un pequeno episodio da vida americana nun valioso documento social sobre todo o país.

O mércores 22 é a quenda de Robert Drew, unha das principais figuras do cinema directo, que realizara en 1960 Primary, un dos primeiros filmes desta corrente, e fundara a produtora Drew Associates, de onde saíran directores como D.A. Pennebaker e Richard Leacock. Deste director poderemos ver o filme Crise, que ten a súa orixe precisamente na rodaxe de Primary. Daquela, Kennedy preguntaralle a Drew cal era o seguinte filme que quería rodar e el respondeu que un sobre un presidente en crise. Durante as confrontacións raciais de Xuño de 1963, Drew logra filmar na Casa Branca e no despacho do gobernador de Alabama George Wallace (que manifestara que impediría fisicamente a entrada de estudantes negros na Universidade do seu estado). Xunto con esta longametraxe poderemos ver a curta Faces, que filma as reaccións ao funeral de Kennedy a través dos rostros dos participantes.

Finalmente, o 29 o cinema quebequés completará a panorámica polo cinema directo nortemericano. Será con Pour la suite du monde, a primeira longametraxe do cinema directo nese país e que está considerado un filme central tanto para esta corrente cinematográfica como para o cinema nacional do Quebec. A fita anova completamente o cinema documentario, construíndo o primeiro docudrama en territorio canadiano. Apoiándose nas testemuñas de dous velhos de Île aux Coudres, reconstrúe as condicións de vida dos illeus, mentres estes aceptan practicar a tradicional pesca da balea.

PROGRAMACIÓN ABRIL
Mércores 1 de Abril ás 22:00:
Un ano de GZVideos
(GZVideos, Galiza, 2009, VO)
A cultura preokupa
(Olholivre, Galiza, 2008, VO)
Coa presenza de membros de GZVideos e Olholivre

Mércores 15 de Abril ás 22:00:
Salesman
(Salesman, Albert Mayles / David Maysles / Charlotte Zwerin, EUA, 1968, 85', VOSG)

Mércores 22 de Abril ás 22:00:
Crise
(Crisis, Robert Drew, EUA, 1963, 52', VOSP)
Faces de novembro
(Faces of November, Robert Drew, EUA, 1963, 13', VO sen diálogos)

Mércores 29 de Abril ás 22:00:
Pour la suite du monde
(Pour la suite du monde, Pierre Perrault / Michel Brault / Marcel Carrière, Quebec, 1963, 105', VOSG)


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: