O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), pídelle á Xunta facilidades para o despedimento e o desbloqueo á construción na costa.
O líder da principal organización empresarial en Galiza, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), uniuse este domingo á petición do líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, de maior axilidade no proceso de traspaso de poderes. Antonio Fontenla pediu así nos micrófonos da Cadena Ser maior "axilidade" nese proceso e criticou a existencia dun "parón" na actividade administrativa durante as dúas semanas posteriores á cita coas urnas. Na opinión do voceiro da patronal sería bo que existise unha comisión mixta que coordinase o traspaso de responsabilidades. "Algúns temas resolveríanse con máis fluídez e rapidez", comentou.
Durante a mesma intervención radiofónica, Fontenla tamén prognosticou que o goberno "monocolor" que liderará Núñez Feijoo ten "máis vantaxes" que a coalición saínte de socialistas e nacionalistas. Fontenla comparaba así o executivo desta última lexislatura cun "mercado persa" poñendo como exemplo o proceso eólico para insistir en que "os últimos acontecementos deste goberno non foron o mellor". Cara ao próximo Goberno, o líder da patronal falou a prol do "desbloqueo" da Lei de Costas aínda que recoñeceu q necesidade dun "estudio máis pormenorizado" nalgunhas zonas.
De xeito concreto, Fontenla explicou que a CEG insiste na necesidade de realizar despedimentos masivos "sen o visto bo da Xunta" debido aos atrasos na mediación do Goberno nestes Expedientes de Regulación de Emprego (ERE). Teimou Fontenla en que a "falta de axilidade" na tramitación chega a facer "ineficaz" a medida. "Se unha empresa fai un ERE é porque está nunha situación complicada", subliñou. Na súa opinión a actual crise é "a peor da historia" e segundo a súa análise "só cun mercado flexíbel se poderá saír dela".