Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ENTREVISTA EN BARCELONA

Uxía Senlle: singradura atlántica, identidades, resistencia cultural

Uxía vén de ofrecer un concerto na Sala Luz de Gas, no que repasou a súa discografía e presentou “Eterno Navegar”. Con ela conversamos.

Lito Caramés - 14:30 28/03/2009

O café-restaurante da librería Laie ferve de xentes que rematan o xantar ou saborean, diante dunha cunca, o libro que mercaron abaixo. Uxía Senlle atende periodistas, valora o fermoso espazo no que estamos e quéixase das boas obrigas que carrexan os tempos de promoción. Eterno navegar, o novo disco de Uxía, é unha aposta pola pulsión colectiva e mais polas querenzas atlánticas. As coidadas pezas do álbum mesturan maxicamente letras e sons de Portugal, de Cabo Verde, de Galiza, de Brasil, baixo a dirección colexiada de Uxía e mais de Paulo Borges, pianista e caboverdiano. E tamén é unha obra multidisciplinaria, onde labouran moitos músicos e onde hai un deseño gráfico louzán e efectivo. As telúricas fotografías de Quim Farinha non ilustran o libreto do disco editado por Harmonia Mundi, non; son parte vital da creación artística que se percibe en todo o álbum: ronsel da singradura.

UXÍA.- Si, estou contenta do resultado. É un disco que foi cociñado lentamente, perante anos, buscando acó e aló, e atopando moitas cousas. Ten sabores. Pero, sempre que presento o resultado de indagacións e esforzos, percibo que unha obra destas características nunca está rematada. De certo é un camiño aberto a novas cousas que virán. É unha etapa máis nun vieiro que comezou hai tempo e que segue; que seguirei con máis xente.

Lusofonía, Eixo Atlántico...

UXÍA.- Lusofonía, claro, eses espazos de arredor do Atlántico onde nos entendemos coa fala. Pero a palabra lusofonía ten trampa, pois esquece unha parte, a orixe; non referencia Galiza. De certo Eterno navegar bebe nesa realidade plural. Pero quere ir máis aló, volver atrás, cara as orixes. É preciso reconstruír, recuperar esa realidade da que Galiza forma parte. A lusofonía ábrenos portas culturais, e doutros tipos.

No concerto que vén de facer este 19 de marzo na Sala Luz de Gas (Barcelona) brillou a calidade musical dos catro músicos presentes (Paulo Borges, piano; Quiné, batería; Santi Cribeiro, acordeón e Xacobe Martínez, contrabaixo). E, por riba de todo, relustrou a voz de Uxía Senlle, capaz de espertar ocos de fondura dramática e mais de repenicar ledas campaíñas. Asemade, non é novidade que Uxía cante en portugués, ou que colabore con músicos transatlánticos; xa o fixo noutros traballos seus. En Luz de Gas sentiuse a pluralidade lingüística, e mais a dos ritmos. E todo isto vén de lonxe, de anos, mormente do fermoso e consolidado proxecto Cantos na Maré, Festival Internacional da Lusofonía, do que Uxía Senlle é a directora artística.

UXÍA.- Cantos na Maré é o xermolo de Eterno navegar. Están aí. Para min este convivio foi e é moi importante. Veñen a Pontevedra xentes e músicos de moitos países atlánticos. E Galiza é a anfitrioa, a impulsora deste proxecto. Iso é revelador. Para os que chegan é toda unha sorpresa; téñollo sentido aos brasileiros, por exemplo. Eles saben cousas de Galiza: saben do Camiño de Santiago, da súa importancia para Europa e mais para Galiza, e pouco máis. E entón descobren unha irmá pequena, e a esa irmá cativa venlle unha forza e unha riqueza musical, literaria etc. que non esperan. Esa nosa riqueza está conformada por cousas das que eles beben ou beberon ao longo de séculos. Quizais as súas conexións non están en Madrid, e si en Santiago.

As nosas cores é a primeira peza do álbum, As nosas cores (nunha versión máis afro) é a última. Diríase que se nos está a presentar un traballo circular. As viaxes -de ida con volta- por xeografías lusófonas rematan por ter un formato curvo, circular (raizames celtas?). Circuítos espirais. As persoas que traballan en Eterno navegar seguen esas derrotas curvilíneas. As fotos que Quim Farinha (violinista do grupo Berrogüetto) inclúe no libreto intégranse no proxecto global do traballo: a delicadeza coa que argalla o land-art que acompaña ás letras retrata un mundo circular, espiral.

UXÍA.- Sempre parto de porto galego, nese eterno navegar polas dúas beiras do océano, para regresar a Galiza e procesar todo o que captei. Toco moitos portos, e en moitos deles tamén me sinto na casa. Lisboa é tamén a miña casa. Pero sempre regreso a porto galego, onde poder apousentar e reelaborar toda a bagaxe que carrexo dos periplos. Cando lle propuxen a Quim Farinha (souben que tiña que facelo el) que idease as imaxes para o álbum, sabía que comprendería perfectamente o meu encargo. E penso que plasmou á perfección eses periplos atlánticos. Fixo un traballo delicado, preciosista, fermoso. Quen mellor ca el? El é músico, por tanto ten a vantaxe de sentir as imaxes e vivir a música concorde, e de contado captou a miña proposta e o sentir do Eterno navegar. Ademais, eu son partidaria do traballo interdisciplinar. Xuntar manifestacións artísticas suma, sempre suma. A música medra coa imaxe, as imaxes medran coas músicas. Si, tamén niso hai curva, espiral.

Mentres falamos observa coa intensidade dos seus ollos pillabáns, como procurando respostas noutras faces, pero sempre mantendo a coherencia de muller rebelde. Uxía entregouse no proceso creador de Eterno navegar, co entusiasmo dunha artesá sabedora. As letras de sete cantigas son súas (tamén as hai de Celso Emilio Ferreiro, de Curros Enriquez), arranxou músicas, canta... Dentro dese Eterno navegar vai Rumores de Falúas, unha balada con letra de Uxía e música de Hector Lorenzo que nos remite aos primeiros amores de verán. Hai pouco esta peza foi galardoada co Premio á Mellor Canción en Lingua Galega, pola Academia de las Artes y las Ciencias de la Música.

UXÍA.- Este premio reconforta, despois do longo proceso de elaboración, e é un recoñecemento a vinte anos de traballo e mais á calidade do disco. Eterno navegar está elaborado de vagar, de maneira preciosista, artesanal. Hai xente que non se decata, pero a nós chégannos opinións que confirman esta aseveración. E o premio tamén dá novo pulo á promoción de Eterno navegar, claro. Todo axuda. Por outra parte, a min gústame implicarme moito na elaboración global do álbum. Non só elaborei letras e as músicas xunto con Paulo Borges, senón que participei no deseño gráfico. Entendo o traballo como interdisciplinar e variado, é o xeito de sentilo teu. Ás veces a letra vai tirando pola melodía, outra é ao revés. No caso de Eterno navegar aconteceu nalgúns casos que o Paulo Borges enfiaba uns acordes, logo ía aparecendo a melodía e, desde aí, trataba eu de atopar as letras.

As nosas cores vén sendo unha homenaxe ás mulleres e ás súas loitas: “somos a lúa a alumear/ as nosas dores/ mulleres sol a despregar/ súas cores”,di unha das súas estrofas. En Eterno navegar hai un poema de Marica Campo (Nalgures) e tamén é ben coñecido o compromiso de Uxía nos eidos feministas e en iniciativas como Son Delas. Entón non é ilusorio cavilar que nos seus periplos Uxía leva por compañeira a Xohana Torres.

UXÍA.- Si, si. Xohana Torres e o seu verso tamén navegan neste traballo. Xa en Son Delas (para o que Ana Romaní fixo unha escolma de poesía de mulleres) os poemas de Xohana Torres estaban moi presentes. Hai unha maneira propia de facer das mulleres, unha voz propia de seu, e esa voz das mulleres temos que reivindicala e facela sentir. Está moi apagada neste mundo de homes. As mulleres sempre estamos a proba. A voz e o mundo das mulleres é diverso, con matices, pero sempre se debe propor como colectivo, para gañar en visibilidade na sociedade patriarcal. Canto máis cómplices sexamos as mulleres máis se nos sentirá. Dalgún xeito iso está no disco, na peza As nosas cores. A música é un bo xeito de facernos ver e sentir.

Volvendo ao café Laie, Barcelona e Cataluña non están no Atlántico...

UXÍA.- Non, non están. Sempre traballei con artistas destas terras (Marina Rosell, María del Mar Bonet). E o que eu atopo por terras do Atlántico ten moito que ver co que se fai aquí no Mediterráneo. María del Mar Bonet, coa que falo moito e que leva anos investigando músicas mediterráneas, anímame a pescudar nas músicas atlánticas lusófonas. A ela parécelle unha tarefa moi interesante, e descoñecida. Pódese dicir que o seu traballo e o meu son paralelos, aínda que ela leva moita vantaxe.

Novos proxectos?

UXÍA.- Agora seguirei embarcada na segunda parte da promoción do disco, en Brasil e en Portugal. A curto prazo estou a preparar un disco para nenos, no que se mesturan contos e cantos: “A Nena e o grilo”, para a editorial OQO. Máis adiante tamén teño proxectado outro disco para Malvela.

Estes días estase a falar, outra volta, do Prestige (que mal nome para tamaña desgraza) e do macro-proceso xudicial que se segue en Corcubión contra o enésimo atentado nas costas galegas. Quen mellor que a voceira da Plataforma Nunca Máis para preguntarlle qué queda en Galiza de Nunca Máis. Na cantiga Sen ti (letra de Uxía) hai un fermoso verso que di “saberás que a morte non mata”; mata máis o chapapote?

UXÍA.- Quizais mate máis o chapapote. Pero o que aconteceu con Nunca Máis transformou Galiza. Se reparas ben decataraste que noutra cantiga do álbum (A Lira) hai dos versos que din: “a morte a mim não me mata / quem mata a morte sou eu”. O chapapote pode matar, pero fomos nós quen ao final matamos o chapapote. Con Nunca Máis naceu unha nova Galiza, á que eu sempre chamo “O País de Nunca Máis”. Esa Galiza revelou unha vitalidade e unha creatividade descoñecida até entón. E hoxe queda ese espírito rebelde e a xente que tanto traballou daquela. E iso non desaparece. Hoxe as circunstancias non son as óptimas, pero a forza transformadora de tanta xente loitadora non morre, perdura. O que aconteceu en Galiza coa desgraza do Prestige e coa reacción focalizada na Plataforma Nunca Máis foi parte dunha catarse, e non hai volta atrás. Pode estar esmorecido, latente, pero segue e seguirá. Temos que continuar traballando coas mesmas forzas, para demostrar a pulsión creativa que temos. Ten moito sentido agora reivindicar e loitar por unha realidade identitaria que se nos quere negar. Agora temos a responsabilidade histórica de loitar por todo iso, debémosllo a quen nos precederon. Pero mormente é unha cuestión de futuro. Ter unha lingua propia e defendela. Se eu non podo cantar en galego, se non podo botar man dos meus referentes identitarios, a miña vida sería moito máis pobre. Resistencia cultural. Na Radio Galega, en Vieiros, na escrita, vese a vitalidade dese movemento resistente e tamén a presenza da cultura galega no teatro, na pintura, na literatura. E a cidadanía consume esa cultura.

Uxía Senlle, cantante, activista, militante. Uxía navega, toca portos atlánticos, coñece outras realidades, outras culturas. E en boa parte fai esas singraduras para axudarse a si mesma a construír a súa identidade, e así facerse voceira de galeguidade. Resistencia.


3,75/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: