Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
FERNANDO RASCADO, TAEKWONDISTA

“Sempre tiven claro que non vou vivir do taekwondo”

Con só 20 anos o loitador vigués, que xa se proclamou en Ourense campión estatal absoluto, únese aos grandes loitadores cos que conta o país

Pablo García Martínez - 17:30 02/04/2009
Fernando Rascado

Fernando Rascado

Nos últimos dous anos Fernando Rascado Ríos (Vigo, 1988) queimou as diferentes etapas da súa progresión: campionato galego sub-21, campionato galego, campionato estatal universitario, campionato estatal sub-21 e, finalmente, a pasada fin de semana converteuse en campión estatal absoluto. Trátase dun novo chanzo na súa evolución, mais ten un valor especial o feito de que sexa o máis novo dos campións que a selección galega acadou no torneo disputado en Ourense. Fernando Rascado semella petar con forza á porta dese prestixioso salón onde cohabitan os taekwondistas que, se llo permitiran, colocarían a Galiza entre as mellores seleccións do mundo; salón habitado por xente como Andrea Rica, Estefanía Hernández ou José Antonio Carregal, entre outros.

Que porcentaxe da vitoria lle corresponde ao traballo que levades realizando durante semanas no estudo do novo sistema de petos, ao lado do adestrador Jesús Benito?

O dominio dos petos é importante pero non determinante, porque xa levamos anos acadando bos postos. A selección foi madurando e como resultado este ano o equipo conseguiu gañar o campionato estatal.

O campionato disputouse en Ourense, polo que o factor campo xogou ao voso favor. Notastes moito os folgos do público?
Sempre está ben. Ao ser un deporte minoritario non se lle da moita importancia pero en Ourense había moita xente e cando tes que dar o último empurrón parece que é máis fácil se tes a tanta xente detrás.

Pensas que os resultados deste campionato supoñen un novo indicador de que Galiza tería un sitio entre os bos do taekwondo internacional?
España fóra ten un nivel moi potente, superada só por equipos como Corea. Se temos en conta que Galiza é a mellor do estado temos que chegar á conclusión de que nun campionato importante non faríamos un mal papel nin moito menos, senón que dariamos guerra. Hai xente moi preparada, con moi bo nivel.

Que mudanza supón este título?
Eu vou á clase igual (risos). A nivel deportivo supón a posibilidade de ir a algún campionato nos que antes non tiña garantida a participación, mentres que a nivel económico sempre tiven claro que o taekwondo non me vai dar de comer. Aínda así, tamén sei que canto mellor sexan os meus resultados maior será a bolsa que reciba.

Como deches con este deporte, tan xeitoso como pouco coñecido para a maioría dos cativos?
Xa probara con moitos deportes e ningún acababa de gustarme. Con seis anos coñecín o taekwondo no colexio, gustoume e decidín seguir.

A que atribúes os bos resultados acadados no torneo pola selección galega?
Este campionato supuxo a irrupción na primeira liña dunha xeración que viña pegando moi forte e xa acadara grandes resultados nas categorías de cadete e júnior. É evidente que unha parte enorme do mérito correspóndelle ao traballo feito no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e tamén ao que fixeron os diferentes ximnasios para levar os seus taekwondistas até o primeiro nivel. A xente do CGTD ten un grupo moi forte, pero toda a selección galega ten posibilidades de acadar uns bos resultados. Sempre hai que ter en conta factores como a sorte ou o estado de forma no que chegan á competición, pero tanto os que sacamos medalla deste golpe como os que non estamos preparados para traer bos resultados no futuro.

Coa túa idade e a progresión que estás experimentando supoño que os Xogos Olímpicos son un dos obxectivos nos que pensas a longo prazo, non é?
Os Xogos Olímpicos sempre son o obxectivo final, pero hai que ir con calma. Agora demos un pequeno paso adiante que nos pode abrir moitas portas, xa que vou poder estar nos grandes campionatos. Despois o obxectivo e ir mellorando e acadando títulos para chegar ben aos Xogos, mais son consciente de que está moi difícil, xa que cada selección leva só catro loitadores entón ademais de ser o mellor no teu peso tes que convencer aos adestradores. Todo iso son divagacións, agora o que debo facer é seguir traballando con calma.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: