A rede social musical anuncia que os usuarios de fóra dos EUA, Reino Unido e Alemaña terán que pagar tres euros ao mes para escoitar as súas radios.
A rede social musical Last.fm anunciou que vai modificar os seus termos de servizo. As súas radios, que ofrecían música baseada nas preferencias dos seus usuarios, deixarán de ser de balde e pasará a custar tres euros ao mes, agás nos EUA, o Reino Unido e Alemaña, que seguirán gozando dun servizo gratuíto.
Segundo explican no seu blog os responsábeis da web, aínda haberá 30 cancións balde para convencer a xente de que se subscriba e siga escoitando a radio. O paso dado por Last.fm xa foi rapidamente criticado pola práctica totalidade dos seus usuarios, e parece responder á presión das discográficas, entre as que se atopan os propios propietarios de Last.fm, CBS.
A decisión de Last.fm ábrelle as portas a outro servizo de recente creación, Spotify, que permite escoitar a música que se desexe dunha ampla biblioteca de temas, aínda que con interrupcións publicitarias. En calquera caso, a versión de balde de Spotify tamén está limitada a Suecia, Noruega, Finlandia, o Reino Unido, Francia e o Estado Español.
Por se fose pouco, a empresa acaba de anunciar que tamén fará modificacións nos termos que até agora permitían, extraoficialmente, que outro software distinto do propio de Last.fm accedese ás radios da rede social, aínda que non precisou se os bloqueará ou non, como xa experimentou hai uns días.