As principais cidades e varias grandes empresas xa se sumaron a esta iniciativa para chamar a atención sobre a importancia de combater a mudanza climática.
O sábado 28 de marzo ás 20:30 da noite. Esa será "A Hora do Planeta" (Earth Hour), sesenta minutos para apagar as luces e para chamar a atención sobre a mudanza climática. Esta iniciativa comezou en Australia no ano 2007 baixo a organización de World Wildlife Fund (WWF) e que xa no ano pasado se converteu nun fenómeno global.
Ademais do aforro enerxético que poida supoñer o feito de apagar as luces durante unha hora, o obxectivo principal desta idea é a de concienciar ás persoas, empresas e gobernos sobre a necesidade de facer un consumo responsábel da enerxía da que dispoñemos. Este esforzo global pretende ademais exercer presión sobre os líderes mundiais que acudirán á Conferencia sobre Cambio Climático de Copenhague (en decembro) para pactar unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.
Entidades implicadas
O apagón está previsto en máis de dous milleiros de cidades de todo o planeta, entre as que se atopa a galega de Santiago de Compostela, e moitos monumentos e edificios emblemáticos apagarán o seu alumeado durante esa hora. Ademais, grandes compañías como Coca-Cola, Telefónica, Inditex, o BBVA, o grupo Prisa ou a cadea de hoteis NH xa anunciaron que tamén se sumarán á iniciativa. Do mesmo xeito, o secretario xeral da ONU, Ban Ki-moon xa fixo un chamamento a todos os cidadáns para que a apoien e para que exixan aos seus líderes políticos unha acción decidida contra a mudanza climática.