Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
MIGUEL ÁNGEL RÍOS FERNÁNDEZ

"Tiña menos memoria que unha calculadora de peto, pero unhas prestacións moi superiores"

Falamos cun dos pioneiros da informática en Galiza, encargado de poñer en marcha un dos primeiros ordenadores do país a finais dos anos 60.

Modesto del Río - 09:00 24/03/2009
Ríos posa coa unidade central do IBM 1130, nunha exposición no Cesga en 2002

Ríos posa coa unidade central do IBM 1130, nunha exposición no Cesga en 2002

Miguel Ángel Ríos é actualmente, aos seus 73 anos, profesor emérito de Química Física. En 1969 foi o responsábel do manexo dun dos primeiros computadores que existiron en Galiza: un IBM 1130 que se instalou na Facultade de Química (entón Ciencias) pola Fundación Barrié de la Maza.

Vieiros: Como funcionaba aquel IBM 1130?


Miguel A. Ríos: Era un ordenador naquel momento de última xeración. A súa capacidade de memoria era de 16 K, e tiña un disco grande recambiábel. O ordenador utilizábase para a xestión administrativa da USC, de listas, actividades, e tamén para a xestión económica de pagos, facturación. Tamén se usaba para a investigación: traballos estatísticos...

Como se manexaba aquel ordenador?

Era complicado manexalo, porque tiña unha unidade central, un cadro grande con moitas luces. Os datos introducíanse mediante un lector de tarxetas perforadas. Había que perforalas e clasificalas, revisalas. A impresora ía por liñas enteiras e era un bicharraco moi grande.

Canta xente traballaba nel?

Cando se inaugurou estaba eu á fronte do centro de cálculo e tiñamos tamén un operador, dous máis que facían de operadores e realizaban tarefas administrativas, e dúas perforistas.

Como seguiu evolucionando a informática na USC?

Despois fóronse adquirindo máis. Tamén se traballaba con outras redes en Madrid, no CSIC. Eu mesmo traballei alí. Estabamos coordinados a través do Ministerio de Educación e Ciencia. Instalouse un UNIVAC na Facultade de Económicas, dentro desa mesma segunda xeración de ordenadores. Despois chegou outra xeración, con equipos de Data General... A informática foi evolucionando moi rapidamente. Máis tarde xa se creou o Cesga. O centro de cálculo evolucionou... Á marxe disto había ordenadores en certos departamentos. No noso instalouse o primeiro ordenador vectorial que houbo en Galiza, que conseguimos con financiación.

Cal era o nivel de Galiza no referente á informática nos anos 60?

Se se exceptúa a Complutense ou Barcelona, Galiza estaba bastante ben. Foi unha das primeiras universidades periféricas en ter un ordenador dese tipo. Había algo en Valencia, Madrid e Barcelona.

Como ve a diferenza entre a informática daquela e os actuais?

Experimentou un cambio radical. O que entón era o 1130, cunha capacidade de memoria menor a dunha calculadora de peto, aínda que daba unhas prestacións moi superiores. Tiña unha arquitectura que lle daba moitas posibilidades. Pero o cambio foi absolutamente radical, coa miniaturización, máis capacidade de procesador, vectorial ou non vectorial. Agora calquera ten na súa mesa un nivel importante.

Cal cre que é a evolución de Galiza cara á Sociedade da Información?

Creo que se vai avanzando no tema da Sociedade da Información. O Cesga é un dos mellores centros de cálculo de España. Hai servizos informáticos moi importantes en bancos, caixas... Nos fogares hai cantidade de ordenadores neste momento. Hoxe, sen estar nunha situación ideal, mellorouse moitísimo. Vamos camiño de superar de ano en ano a situación. Evolucionamos moitísimo.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: