John Beddington, prestixioso asesor científico do goberno británico, prevé guerras, tensións sociais e migracións masivas.
As restriccións de alimentos prevese que medren
A demanda de recursos creará unha crise mundial de consecuencias nefastas. Así o considera John Beddington, profesor universitario de recoñecido prestixio e asesor xefe en temas científicos do goberno británico, que esta fin de semana durante unha conferencia en Londres alertou da situación dramática que a maioría da poboación mundial afrontará en 2030.
A demanda de alimentos e de enerxía incrementarase até un 50% para 2030, e até un 30% a de auga fresca, en base ao cálculo de que a poboación mundial chegará aos 8.300 millóns en 20 anos. O aumento do número de habitantes nos países subdesenvolvidos así como a redución da pobreza serán os principais catalizadores. A situación provocará máis guerras, tensións sociais e migracións masivas, prediciu Beddington.
"É unha tormenta perfecta", comentou. "Non haberá un colapso absoluto, mais as cousas comezarán a se volver realmente preocupantes se non atallamos estes problemas", agregou o experto. No plano internacional, augurou restricións de comida e auga; non así para o Reino Unido -"onde somos relativamente afortunados", dixo-, mais si un aumento dos prezos (o Programa Mundial de Alimentos da ONU calcula que a escaseza de auga se estenderá por África, Europa e Asia para 2025).
Cambio climático
Ademais, segundo Beddington, o cambio climático agravará os problemas de xeito impredicíbel: A Europa septentrional converterase no principal centro de produción alimentaria, e noutras áreas será preciso o uso de pesticidas máis desenvolvidos. Neste senso, dixo que cómpren plantas máis resistentes as enfermidades e melloras nos sistemas de produción agrícola.