Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No Día Mundial Contra a Xenofobia

Instan a Xunta a deseñar un Plan de Dereitos Humanos e contra o racismo

Amnistía pon na mesa unha proposta de medidas específicas, educativas e de sensibilización, para o próximo Goberno.

Redacción - 10:00 21/03/2009
Tags: AI racismo

"Pedirémoslle ao novo Parlamento que inste a Xunta a que elabore un Programa de Acción de Dereitos Humanos público, concreto, estábel e eficaz, que inclúa, entre outras, medidas para loitar contra o racismo, así como medidas de protección e acceso a recursos para colectivos especialmente vulnerábeis como as inmigrantes indocumentadas vítimas de violencia de xénero". Así o explica Alberto Estévez, voceiro en Galiza de Amnistía Internacional.

O colectivo aproveita o Día Mundial contra o Racismo e a Xenofobia, marcado para este sábado 21 de marzo, para reclamarlle así á Xunta un Plan de Dereitos Humanos que inclúa medidas específicas de carácter político, social, de índole educativa e de sensibilización contra o racismo "no acceso á vivenda, sanidade, mundo laboral, educación, locais de lecer, e que inclúa a realización de estatísticas e análises periódicas en materia de racismo".

A asociación xa trasladou demandas similares a nivel estatal, urxíndolle de xeito especial ao presidente do goberno español sobre a necesidade de adoptar medidas "concretas, rápidas e decisivas" para loitar eficazmente contra a discriminación racista e xenófoba no Estado Español. Ao respecto, censuran desde Amnistía que o Estado Español siga sendo un dos cinco da Unión Europea que non publican datos oficiais sobre incidentes, denuncias ou delitos con motivación racista. "A invisibilidade do racismo e a xenofobia, provocada pola ausencia de datos é preocupante no actual contexto de crise económica, que pode crear un ambiente que xustifique a adopción de medidas de control migratorio que rebaixen os dereitos dos inmigrantes", advirte Estévez.


4/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: