Un estudo da Universidade de Virxinia asegura que o cerebro humano comeza a perder axilidade antes do que se pensaba.
O cerebro comeza a avellentar e a perder facultades aos 27 anos despois de acadar a súa plenitude aos 22, segundo un estudo estadounidense. O profesor Timothy Salthouse, da Universidade de Virxinia, detectou que o razoamento, a visualización espacial e a rapidez de pensamento declinan aos vinte e tantos anos.
Por este motivo, asegura que as terapias para frear ou desfacer o proceso de avellentamento debe comezar moito antes. O estudo desenvolveuse durante sete anos entre dúas mil persoas de 18 a 60 anos e está publicado na revista Neurobiology of Aging.
Segundo publica a BBC, os participantes no estudo tiveron que resolver problemas, lembrar palabras e conceptos e atopar semellanzas en letras e en símbolos. As probas son as mesmas que se usan para detectar síntomas de demencia.
En nove das 12 probas, a idade media dos mellores resultados foi aos 22 anos, mentres que a primeira en que se detectou un empeoramento foi aos 27. Porén, a memoria permanece intacta até os 37 anos, mentrres que o coñecemento acumulado, con probas de coñecemento e de cultura xeral, seguen aumentando até os 60.
Segundo declarou Rebecca Wood, da Fundación para a Investigación do Alzheimer, "a investigación suxire que a decadencia natural dalgunhas das nosas capacidades mentais ao avellentarmos comeza moito antes do que pensabamos". Os resultados da investigación tamén poden axudar a entender como evolucionan males como o de Alzheimer.