Segundo un estudo da Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA), só o 9% dispoñen dunha sección propia para temas relacionados co medio.
Logo da Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA)
A Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) organizou un seminario con xornalistas de diversos medios de comunicación do país para falar do tratamento da educación ambiental nos xornais, radios, televisións, axencias e medios electrónicos nos que traballan.
A xornada estaba dedicada a presentar un informe -o Proxecto Fénix- que elaborou a SGEA entre 2007 e 2008, e falar cos xornalistas para saber, de primeira man, das necesidades coas que se enfrontan no seu traballo diario, no relativo ás noticias relacionadas co medio e o desenvolvemento sustentábel.
Mais, durante unha hora de xuntanza, concluíuse que, a pesar de ter a información ambiental cada vez máis demanda por parte da sociedade -no referido, por exemplo, ás mudanzas climáticas, aos transxénicos, á biodiversidade, os incendios, a contaminación dos ríos, e un longo etcétera-, os medios de comunicación galegos non están, en xeral, preparados para esta situación.
Só o 9% dos medios de comunicación teñen un departamento dedicado exclusivamente ao medio
Segundo o SGEA, as persoas non só adquiren coñecemento a partir do ensino formal, senón que o proceso de aprendizaxe é continuo, e está suxeito á influencia de numerosos elementos, entre eles os medios de comunicación. A conciencia social que temos está condicionada, moitas veces pola imaxe que do mundo no que vivimos nos ofrecen os medios de comunicación.
Por isto se vía tan necesaria facer unha análise do tratamento que os medios fan das cuestións relacionadas co ambiente, aínda que o resultado sexa abondo negativo.
Para facer este diagnóstico empregaron como ferramenta de recollida de información unha enquisa, na que ademais de indagar sobre o formato e tratamento que se fai das noticias relacionadas co medio e a educación ambiental, afondouse na estrutura organizativa dos propios medios de comunicación. Deste despréndese que a maior parte dos medios estudados -35 de todo o país-, unha inmensa maioría (o 68%) non contan cun departamento ou sección dedicada en exclusiva á temática ambiental. Só o teñen o 9% dos medios consultados, e o 23% dispoñen dunha sección, mais na que inclúen outro tipo de temas.
Alén disto, só o 3% dos medios analizados contan cunha persoa especializado en temas ambientais, o que fala da pouca importancia que ás veces se lle dan a estas noticias.
A precariedade dos traballadores está na base dalgunhas das eivas deste proceso
Con estes datos sobre a mesa, cumpría falar cos traballadores e traballadoras destes medios de comunicación para poder afondar nos puntos febles e puntos fortes identificados e avanzar na definición de liñas de acción que axuden a unha mellora da información ambiental, e con este obxectivo se desenvolveu o seminario que, por outro lado, tamén serviu para que os profesionais destes medios puxesen da manifesto os problemas cos que se atopan no día a día á hora de desenvolver o seu labor. De feito, a palabra "precariedade" oíuse máis dunha vez na xuntanza, e os e as xornalistas sinalaron que moitas veces a urxencia por "encher unha páxina" e a dificultade de atopar información experta, obxectiva ou que poida ser contratada fan que as cuestións ambientais queden fóra das escollas diarias de información que aparecen nos informativos. Porén, tamén se falou da necesidade de crear espazos comúns para a formación de xornalistas en cuestións ambientais, que poidan ser bidireccionais, é dicir, artellados tamén para os outros actores de proceso, como os membros das asociacións ecoloxistas ou dos movementos sociais que traballan pola conservación do medio.
O Canal Verde continúa a ofrecer toda a información ambiental do país
En Vieiros existe, dende hai unha década -botou a andar en 1999-, o Canal Verde que, xestionado pola Federación Ecoloxista Galega, recolle informacións sobre o que se está a argallar no noso país na defensa do medio. No ano 2001 foi galardoado co premio "Osíxeno", que outorga a asociación ecoloxista Adega, pola "transparencia informativa no tratamento dos problemas ambientais galegos", e un ano despois, no 2002, recibiu as "Ciber-belotas" ás mellores iniciativas ambientalistas na rede, un recoñecemento que outorga o Colectivo de Educación Ambiental Papaventos, en Galiza e Portugal.