Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XESÚS ALONSO MONTERO

“Castelao non militaría hoxe no BNG”

O catedrático fala sobre o marxismo, Piñeiro, a visión que da cultura galega se ten fóra e Castelao, do que fan 25 anos da chegada dos seus restos a Bonaval.

Marcos S. Pérez - 12:25 29/03/2009

O catedrático Xesús Alonso Montero anuncia a publicación de cando menos media ducia de libros este ano, entre eles unha investigación sobre a viaxe de Castelao á URSS en 1938, e outro sobre Ramón Piñeiro. Viron a luz xa as reedicións de Antonio Machado na nosa voz e Encuesta mundial sobre la lengua y la cultura gallegas, e mais Letras Galegas, unha compilación de artigos publicado polo profesor nos anos setenta en Triunfo e outras revistas. Tamén Cartas de republicanos galegos condenados a morte, "un libro moi importante, -di- son 120 cartas, e algunhas levo toda a vida buscándoas, dende 1966 que publiquei a primeira, de Víctor Casas, até unhas que conseguín en B.Aires en maio, dunha familiar duns fusilados".

Na obra mestúranse cartas ben distintas: "hai cartas que se escriben para a historia e outras non. No libro recóllense cartas persoais, cartas de amor que un pobre infortunado de cerca de Salvaterra lle escribiu á súa moza; o que pasa é que chegou ás miñas mans e pasou a formar parte da historia. Pero outros, cando escribían estas cartas sabían que escribían para a historia".

Cre que o labor dos intelectuais marxistas en Galiza queda esvaída polo propio labor de recuperación que se fai, máis centrado nas figuras do galeguismo?
Si, é o que se está facendo dende as institucións que goberna o BNG. Aquí séguese dicindo que o gran mártir do 36 é Alexandre Bóveda. Sería eu un necio se lle quitase importancia, pero Bóveda é un de tantos fusilados que houbo. Houbo máis fusilados anarquistas, comunistas e socialistas ca galeguistas. Pero vendo as publicacións que fixo a Consellaría de Cultura ou da Universidade parece que aquí non houbo máis ca nacionalistas galegos.

Esta case listo o libro sobre a viaxe de Castelao a Moscova. Como foi esta visita?
Esa viaxe está mitificada polos nacionalistas e pola UPG. Lendo algunhas cousas que se escriben, parece que Castelao foi a Moscova porque Stalin e o Politburó chamaron por el. O que pasaba en 1938 era que había que aloumiñar a Moscova, porque grazas ás armas e aos técnicos soviéticos aínda non se perdera a guerra; todos os anos no primeiro de maio a República enviaba unha delegación con representantes de todos os partidos, e alí ía Castelao. E van a aplaudir o desfile do primeiro de Maio. Unha das cousas que aínda estou buscando é unha foto de Castelao con Stalin, que existe pero que aínda non apareceu.

Cal era o obxectivo de Castelao nesa viaxe?
Castelao quería coñecer cal era a situación das distintas nacionalidades e linguas que existían na URSS. Primeiro expuxo no Museo da Revolución os orixinais de Galiza Mártir e de Atila en Galiza; é curioso, os milleiros de soviéticos que pasaron polas exposicións tiñan unha imaxe do que estaba pasando en Galicia que non a tiñan aquí. E Castelao, que non era unha persoa fachendosa chega a dicir que 'eu na URSS son considerado o máis importante debuxante revolucionario do mundo', e non era un tipo que botase por ela. Despois foi a Acerbaixán, que era un mosaico de linguas e nacionalidades; e cóntalle a viaxe nunha carta a Rodolfo Prada. Sobre esa viaxe hai tamén información nunha entrevista que lle fai Luís Soto para Nueva Galicia. Daquela existía esta revista, que era comunista, e tamén Nova Galiza, que era galeguista, e Castelao escribe sobre todo na primeira, e de feito o primeiro libro de Sempre en Galiza son os artigos que publica en Nueva Galicia. Por que escribe en Nueva Galicia? Porque Castelao era un pillo, e sabía que a quen había que predicarlles o galeguismo era aos internacionalistas. Por que ía escribir Castelao en Nova Galiza? Para que o lesen Dieste e Otero? Castelao nestes textos chega a facer declaracións nas que parece máis comunista ca o secretario xeral do PC; di por exemplo que preferiría vivir na Unión Soviética ca en Londres ou París.

Fan este ano 25 dende a chegada dos restos de Castelao a Galiza. Como foi ese día? Vostede foi recibir o féretro ao aeroporto e foi retido pola policía...
No PCG estamos en contra dos actos que se organizan para recibir os restos; creo que aquí se trabucaron Piñeiro, Casares e Camilo Nogueira. Castelao non pode vir así, nun avión comercial, e logo hai que recibilo na Praza do Obradoiro, onde poida haber 50, 60, 70 mil persoas. Pero aínda que eu estou en contra, non quero estar á beira duns tipos que están tirando ovos que caen no féretro de Castelao e que poden darlle na cara á súa irmá. Os do PCG, e outras persoas, como Díaz Pardo, fomos a Lavacolla para facer alí unha homenaxe. Falo con Albor, que non é mal tipo, ademais é amigote meu, para que nos deixe pasar á pista, e dime "é que eu aquí non mando nada, fala co xefe do aeroporto". O presidente de Galicia non manda nada? Estamos aí discutindo, e alguén ve que o coche vai saír por outra porta. Botámonos a correr e eu póñome diante do furgón no que vén o féretro. A garda civil cólleme e xusto aí fanme a foto famosa na que parece que me están arrincando a roupa.

Castelao sentiríase cómodo hoxendía nalgún dos partidos maioritarios de Galiza?
Eu creo que en ningún. Creo que el non militaría hoxe nese conglomerado que é o BNG, aínda que evidentemente tería máis afinidades aí ca no PSOE ou no PP. A Castelao hai que estudalo, pero dende que o Sempre en Galiza foi sinalado como a 'biblia do galeguismo', iso fíxolle dano. É un libro sobre o galeguismo, pero ofrecerlle á xente hoxendía só galeguismo..., á xente hai que ofrecerlle Seguridade Social. E despois ten páxinas extraordinariamente conservadoras e reaccionarias; Castelao, como Bóveda ou Otero Pedrayo, é católico, fervorosamente católico, o Partido Galeguista é un partido fundamentalmente católico. Despois hai xente como Víctor Casas, ou a xente da Coruña, que son de esquerdas, pero os que veñen de Ourense son a peste, a peste negra. Eu sempre digo, 'eu afortunadamente non fun gobernado por Vicente Risco, que fun gobernado por Franco, que estaba á esquerda de Risco'. A min Franco non me desterrou até o 75, pero se gobernase Risco teríame desterrado a Ponferrada. Risco dicía que 'un galego que non é católico é un mal galego'.

Este é tamén o ano Piñeiro, como valora a súa figura?
Eu son un piñeirista tremendo. Piñeiro era anticomunista, eu non; Piñeiro era galeguista, eu non. E así e todo acabo de rematar un libro de amor a Piñeiro. Eu son o primeiro que pasou pola mesa camilla: A min descóbreme Ben-cho-shey e dille a Piñeiro que hai un rapaz que estuda filoloxía e que fala galego; e Piñeiro trata de captarme. O que non entendo é por que agora todo o mundo lle chama anticomunista a Piñeiro? E logo hai moitos comunistas por aí?

Que vixencia teñen as enquisas sobre a lingua, realizadas en 1974 e que veñen de reeditarse a comezos de ano?
Na 'Encuesta mundial' de 1974 está unha das miñas teimas, que é chegar a saber como nos ven os demais. Eu publiquei, por exemplo, outro libro titulado Galicia vista por los no gallegos, e algunhas das cousas que dicían sobre Galicia quizais eran máis interesantes do que os galegos podemos dicir. Por exemplo o caso de Rosalía, que é unha extraordinaria poeta, pero non é Dante ou Goethe. Pero vén Unamuno ou Cernuda, que non están implicados en ningún proxecto patriótico, e para eles Rosalía é o que Rosalía é. Son lectores, e nós somos algo máis. Sobre todo os que temos un compromiso con Galicia, porque eu aínda que nunca fun nacionalista, teño un compromiso con Galicia. Se teño un compromiso coa humanidade, como non vou ter un compromiso co territorio da humanidade no que vivo? A Rosalía nós mitificámola moito, e aí inclúome tamén eu, aínda que eu detesto os mitos. Din por aí: 'os mitos están ben', o único que está ben é a Seguridade Social. Nin Pardo de Cela, nin Breogán..., o que importa é a Seguridade Social, e habería que facerlle unha homenaxe.

Parece que a comprensión que os intelectuais de fóra tiñan sobre a lingua galega era maior nos anos setenta...
No ano 1973 moitos intelectuais comezan a interesarse polo fenómeno das nacionalidades 'non esperables'. Pode que estes intelectuais non simpatizasen cos nacionalismos periféricos pero víanos como camaradas da loita contra Franco. O problema do galego é distinto agora. Daquela era un idioma prohibido; agora é certo que se perden falantes, pero pasa algo que non pasaba antes: agora hai arquitectos, catedráticos ou directores de banco que falan galego. Nos anos sesenta en toda Galicia só se falaba galego nunha casa con status urbano e universitario, que era a casa de Antón Beiras e de Antía Cal; os demais falaban todos en castelán, comezando por Fernández del Riego, que facía o amor en castelán, e Otero Pedrayo toda a vida falou con súa nai en castelán, e Carvalho Calero faláballe en castelán á súa muller e aos seus fillos. Por que a lingua de amor dos galeguistas é o castelán? É que estaba Franco aí no medio?

Os artigos que publicaba en Triunfo cumprían a función de amosar fóra o que na cultura galega se producía...
Recollo artigos entre o 62 e o 80, a maior parte publicados aínda durante o franquismo, ou antes da legalización do PCE en 1977, é dicir, cando había que escribir con moita cautela. Ou autores que aparecen aí son Seoane, Lorenzo Varela, Celso Emilio... Eu intento facer ver que se estaba facendo unha literatura fóra dos tópicos nos que a literatura galega eran gaitas, muiñeiras e lacón con grelos. Aquí había unha literatura como a que podían facer Blas de Otero, Gabriel Celaya ou os prosistas críticos.

Moitos dos artigos van máis aló do que dende hoxe parece que era admisíbel en plena ditadura...
Hai traballos en Triunfo que hoxe non se poderían escribir na prensa. Por exemplo, eu hoxe en vez de citar a Marx, para non molestar, cito a Engels; porque a xente non sabe quen é Engels, non sabe se é un comunista ou un xogador do Deportivo. Eu sempre que podo collo determinados temas, e sempre intento falar de clases sociais, da fame, de que o mundo cada vez está peor, de que todo vai peor dende a desaparición da URSS. E non porque eu fora moi prosoviético. En xullo de 1962 fun a Moscova xusto despois de inscribirme no PCE; eu chorei alí, aquilo non me gustaba. Eu era un pouco inmaturo; era catedrático de instituto, xa con certa sona en Lugo, tiña 30 anos e era moi culto, pero tiña moita menos cultura política ca un mozo de vinte anos de Francia. Pero así é todo estou convencido, e os feitos estanme dando a razón, de que o capitalismo non pode acabar cos problemas do mundo.


2,71/5 (49 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: