O futuro xefe do Executivo e líder do Likud, Benjamin Netanyahu, asinou un principio de acordo de goberno co Yisrael Beitenu, que asume varias carteiras.
Lieberman dirixirá a diplomacia
O futuro primeiro ministro de Israel e líder do Likud, Benjamin Netanyahu, tal e como se prevía alcanzou un principio de acordo para formar un goberno de coalición co partido ultradereitista Yisrael Beitenu, liderado por Avigdor Lieberman, informaron medios locais.
Porén, o número de escanos obtidos por ambos os dous partidos nas eleccións do pasado 10 de febreiro non son aínda suficientes para se asegurar a maioría no parlamento israelí, polo que con toda probabilidade procurarán o apoio doutras formacións políticas para formar Goberno.
O pacto estabelece que Lieberman, abertamente xenófobo, será o máximo responsábel da diplomacia do país. Ademais, o seu partido tamén accedería ás carteiras de Interior, Infraestruturas Turismo, e Inmigración. O presidente de Israel Shimon Peres deulle ao Netanyahu a data límite do 3 de abril para formar gabinete.