A escritora coruñesa presentou o seu blogue e protagonizou un debate sobre a escritura, o xénero e o escenario novo que xorde cando unha escritora decide publicar (e construír) a súa obra a partir dun blogue.
Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974), escritora, cantante e actriz, é autora dun dos blogues de creación literaria máis interesantes de Galiza. Así o considera o Centre Dona i Literatura da Universidade de Barcelona que aproveitou a estadía de Espinosa na cidade -está de xira coa obra O Clube da Calceta- para convidala a un seminario. Baixo o título "Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto", o pasado venres falouse das "múltiples posibilidades de creación que abre o entorno dixital" e sobre os revolucionarios contornos que exhiben os blogues dentro da paisaxe literaria.
"Hai, dixo Espinosa, unha sobredose de min mesma no meu blogue. Unha sobredose do meu corpo que pode chegar a cansar." E esta exposición do corpo, se cadra, sexa unha das características máis comúns dos blogues feitos por mulleres. Pero: que leva a unha escritora que xa ten obra publicada a crear un blogue? Deixa, entón, este material de ser inédito para a Crítica ou é, pola contra, considerada obra menor, non canónica? Como interactua o texto coas outras expresións artísticas nun blogue? Estase a crear unha nova linguaxe literaria?
A Crítica non se atreve moito con estas preguntas, entre outras cousas, como sinala profesora Helena González, "porque é un entorno non convencional e porque non hai ferramentas para a análise". No caso de Estíbaliz Espinosa, foi a necesidade de fuxir das esixencias sociais e mediáticas nas que se ve envolto un escritor cando comeza a publicar o que a levou a crear un blogue no ano 2005, coincidindo co boom deste fenómeno en Galiza. “No blogue editarse vólvese accesible, inmediato, diferente. Ademais, eu nunca fiquei satisfeita co que tiña publicado. Os meus libros xa editados dábanme certa coraxe, semellábanme apresurados, imperfectos, inmóbiles. Case que os escoitaba podrecer nos estantes.”
A bloguesfera é un laboratorio de creación, un recuncho á man de calquera no que baleirar aquelas letras gardadas que quizais nunca se farían públicas de non ser por Internet. Para Espinosa é tamén un lugar no que "a identidade se volatiliza". Os comentarios aos post derruban a lectura convencional e converten a creación literaria nun fenómeno interactivo.
Hai máis de vinte mil anos, unha homo sapiens deixou a pegada da súa man impresa sobre a parede dunha cova. Con esta imaxe iniciou a poeta coruñesa a súa disertación sobre os blogues, a literatura e o "inxenuo desexo do ser humano por perpetuarse".