Acollerá o Foro Mundial da Federación Internacional de Deportes Universitarios e o mundial universitario de taekwondo.
Federación Internacional de Deportes Universitarios
Vigo acollerá no vindeiro ano dous importantes eventos da comunidade deportiva universitaria, como son o mundial universitario de taekwondo e o Foro Mundial da Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU).
O Foro Mundial da FISU celebrarase entre os días 21 de xuño e 28 de Agosto do 2010, agardándose que cheguen até a cidade máis de 300 representantes procedentes de medio cento de federacións. O mundial disputarase do 30 de xuño ao 4 de xullo e prevese que cheguen até Vigo máis de 400 deportistas representando a 60 federacións.
Non organizarán a Universiada do 2015
Este anuncio foi feito nunha rolda de prensa onde a plataforma cidadá de apoio á candidatura para acoller a Universiada de verán do 2015 comunicou que renunciarán a organizar este evento. O principal motivo é segundo Santi Domínguez, tenente alcalde da cidade, que Granada ten moitas posibilidades de organizar as vindeiras Universiadas de inverno e resulta moi difícil que lle outorguen ao mesmo estado a organización de dous eventos consecutivos.
O reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, explicou que non se trata dunha retirada definitiva, senón "un paso atrás para correr máis". Isto é así porque este aprazamento outorga á cidade dous anos máis para preparar unha candidatura sólida encamiñada a organizar a edición de 2017. Sobre esta posibilidade Santi Domínguez foi contundente, e dixo que Vigo "ten que ser sede da Universiada tarde ou cedo".