Unha resolución do Ministerio de Industria determina que deberán dispoñer dunha cápsula magnética e da posibilidade de amplificar o volume.
Todos os teléfonos públicos deberán estar adaptados ás persoas xordas ou con discapacidade auditiva nun período de catro anos. Así o estabelece unha resolución do Ministerio de Industria, quen exixe a posta en marcha de distintas medidas para facer accesíbeis estes terminais, que deberán dispor dunha cápsula magnética con axuste indutivo, así como ofrecer facilidades para a amplificación do volume. Ademais, subliña que este colectivo debe de ter acceso a servizos como o envío de mensaxes curtas e de correos electrónicos.
Tamén se dispón que todos os carteis de Telefónica inclúan os pictogramas que indican a presenza destes servizos, para coñecemento dos seus usuarios. Doutra banda, a resolución incorpora a necesidade de realizar unha campaña de divulgación social para que estas novas opcións de accesibilidade sexan coñecidas polas persoas que as poidan necesitar. Un proceso durante o cal a Administración contará coa Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) para supervisar a posta en marcha das distintas medidas contempladas e poder fixar os próximos obxectivos.