Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
GRANDE EXPECTACIÓN EN COMPOSTELA

Murakami, estrela pop

A presentación de 'Do que estou a falar cando falo de correr' (Galaxia) deixou pequeno o Casino. Un dos autores do momento. Vídeo no interior.

M.S.P. - 18:00 12/03/2009

Os fans forman parte da cultura pop. E Murakami é un 'escritor pop' (así foi definido moitas veces) con moitos lectores e, sobre todo, moitos fans. Quedou claro este mércores no Casino de Compostela, que quedou pequeno, moi pequeno (ducias de persoas tiveron que quedar de pé, e moitos non puideron entrar no local) para ver ao escritor xaponés, un dos autores do momento. Murakami, tímido e reticente a conceder entrevistas, falou pouco pero amosouse extraordinariamente amábel cos seus seguidores, para os que asinou ducias de libros e cos que mesmo bromeu: "Toquio é moi distinto de Compostela, pero galegos e xaponeses temos en común que nos gusta o polbo e os calamares".

Víctor Freixanes, director de Galaxia, destacou, non podía ser doutro xeito, o "poder de convocatoria" de Murakami. Non é un asunto sen importancia: a última novela do xaponés ('Do que estou a falar cando falo de correr') sae en galego antes ca en castelán; se cadra logros como este son os que poden gañar lectores para o galego. Na novela Murakami conta as experiencia vividas como corredor de maratóns e o xeito en que lle axudan á hora de escribir: "o esforzo, a forza de vontade, a ética das cousas pequenas, o vencer a mediocridade e as cousas cómodas...". De feito, na presentación, o autor revelou que vén de lle entregar ao seu editor un novo libro, unha extensa novela escrita con música de Bach e jazz de fondo á que lle dedicou os últimos tres anos, e que escribiu "todos os días, de catro a nove da mañá".

Antes da presentación, Murakami pasou polo Instituto Rosalía de Castro, onde este xoves recollerá o premio San Clemente que en 2007 lle concederon os alumnos de secundaria de cinco institutos de todo o país. Alí falou máis, aínda que mantendo a sinxeleza do seu discurso. Comentou os motivos que o levaron á literatura e lembrou a súa paixón pola música, constante na súa obra: "son fillo único; cando era pequeno había tres cousas que me axudaban a vivir: os libros, os gatos e a música". Este xoves, no Rosalía de Castro de Santiago de Compostela Murakami recollerá, canda a María Reimóndez e Vicente Molina Foix, o premio San Clemente 2007; e Anxos Sumai e Luis Landero (xunto a Julian Barnes, que non acudirá) será galardoados co premio de 2008.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: