Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
INFORMES DO OGSI

O software libre triplica a súa presenza nas empresas e nos centros de ensino

Unha de cada tres pemes e dous de cada tres colexios empregan ferramentas de código aberto, segundo publica o Observatorio Galego da Sociedade da Información.

Redacción - 12:00 12/03/2009

O Observatorio Galego da Sociedade da Información publicou este xoves os resultados das enquisas sobre o Software Libre nas pequenas e medianas empresas e nos centros de ensino de Galiza, correspondentes ao ano 2008. Nos dous casos, apréciase unha evolución moi positiva: o software libre triplicou a súa presenza nestes eidos da sociedade.

A presenza do software libre nas pequenas e medianas empresas galegas pasou do 10,1% en 2006 ao 33,6% no ano 2008. Ademais deste crecemento global, un dos avances máis significativos no uso do software libre estase a producir nas pequenas empresas de 10 a 49 traballadores/as. No último ano, o incremento no uso do software libre foi máis alto nas empresas pequenas que nas medianas, 11,9 puntos fronte a 4,7. Con todo, o uso en termos relativos está máis estendido nas medianas empresas (44,6%) ca nas pequenas (32,5%). Deste xeito, semella que o efecto demostración do seu bo funcionamento dentro das medianas empresas está funcionando como un atractivo para a súa implantación nas pequenas empresas.

Ademais, o software libre ten máis presenza nos computadores dos usuarios (30,9%) ca nos servidores (15,6%). As aplicacións libres máis empregadas nas pemes do país son o navegador, as aplicacións de ofimática e o xestor de correo. Tamén se notou un incremento no uso de aplicacións en galego, que chegou até o 8,3%, superando unha posición marxinal e o estancamento dos anos 2006 e 2007. A maioría das empresas que aínda non fan uso do software libre non consideraron a posibilidade de instalalo, maioritariamente por falta de información (56,1%).

Centros de ensino

A Enquisa sobre Software Libre nos Centros de Ensino de Galiza amosa que xa son o 67,6% os centros que empregan este tipo de aplicacións, cun crecemento de máis de 47 puntos porcentuais entre 2006 e 2008. Esta presenza é máis significativa nos Centros Públicos Integrados, 86,7% e nos Institutos de Ensino Secundario, 80,2% e notabelmente inferior nos Centros Privados, 48,6%. O produto de software libre máis empregado nos centros educativos son as aplicacións informáticas. Delas, destacan a ofimática e o navegador de internet, que superan o 56% de uso.

Os sistemas operativos libres seguen a aumentar a súa presenza tanto en ordenadores como en servidores, 48,6% e 23% dos centros de ensino respectivamente. Tamén o galego ten unha presenza significativa nas aplicacións informáticas dos centros. A porcentaxe mantense practicamente con respecto a 2007: o 77,8%. Porén, a porcentaxe é inferior á rexistrada para o castelán (90,9%).

Observatorio Galego da Sociedade da Información
O Observatorio, promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, é unha das iniciativas estabelecidas no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) e ten como obxectivo avaliar a difusión e uso das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) en Galiza e medir a eficacia e o impacto das políticas públicas nesta materia. Os informes publicados hoxe polo OGSI forman parte dun estudo máis amplo que analiza o grao de implantación do software libre en catro ámbitos estratéxicos: concellos, empresas informáticas, centros de ensino e pequenas e medianas empresas. Nas próximas semanas publicaranse tamén os informes dos restantes ámbitos de observación.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: